venres 17.01.2020

Feixoo busca socios

O PP aposta por un acordo con Ciudadanos para as eleccións galegas.
Feixoo busca socios

A proposta dunha coalición electoral entre o PP e Ciudadanos xorde da contorna política de Pablo Casado. O presidente estatal dos populares e a súa portavoz no Congreso dos Deputados, Cayetana Álvarez de Toledo son os principais impulsores da nova marca política pensada na cociña da FAES, a fundación dirixida por José María Aznar, coñecida como España Suma e que responde, segundo os seus promotores, "ao obxectivo inmediato de concentrar o voto do centro dereita e ao proxecto estratéxico de refundar ese espazo político no novo contexto de ameaza separatista".

Alberte Núñez Feixoo converteuse no principal opositor a esta alternativa. Segundo sinalan naquela altura desde a dirección estatal do partido e confirman entón a Sermos Galiza dirixentes galegas, "Feixoo é consciente do rexeitamento que provoca na Galiza Ciudadanos, até o punto de considerala como unha forza antigalega unha parte do electorado do PP, o que nos obriga a marcar distancias se non queremos minguar as nosas posibilidades nas municipais de maio e nas estatais de novembro". A esta intención responden, precisamente, os duros ataques do presidente galego ao partido laranxa, onde chega a afirmar que "Ciudadanos é un partido prescindíbel para manter a España democrática".

Unha estratexia "moi pensada"

O pasado 22 de novembro, pouco máis dunha semana despois das eleccións xerais, Núñez Feixoo cambia de música. O presidente galego sinala que a "división do electorado de centrodereita beneficia o PSOE" e conclúe que "parto da convicción de que Ciudadanos colle dentro do Partido Popular e é bo buscar formas de entendemento". Segundo o seu entorno, a fórmula preferida de Núñez Feixoo é "a incorporación de dirixentes de Ciudadanos nas listas dos populares para as galegas se ben non ve inconveniente que noutros territorios, onde as siglas do PP teñen menos arraigo, como Euskadi ou Catalunya, se aposte por unha coalición e por unha nova marca electoral".

O cambio de posición sorprende os propios. "É unha xogada chea de risco porén moi pensada", recoñecen a Nós Diario desde o círculo do presidente galego, "mais estamos obrigados a facer xestos para recuperar unha parte do electorado que nos marcha pola dereita. A batalla nestes comicios xogámola nese espazo e a presenza nas candidaturas do PP de persoas significadas de Ciudadanos pretende favorecer o retorno de antigos votantes. Ficar quietos e non movernos implica entregar a Vox a base electoral de Ciudadanos e nunhas eleccións tan xustas como estas non podemos permitírnolo".

Unha parte da afiliación amósase crítica coa decisión. "Quen ten cu ten medo", sentencia a Nós Diario un dirixente ourensán desconforme coa proposta Núñez Feixoo. É precisamente nesta circunscrición e en Lugo onde máis resistencias atopa a proposta, ao considerar que "esta operación sepáranos do centro e significa regalar a oposición ao espazo electoral onde se gañan as eleccións". Mentres, desde a dirección galega, retrucan que "a oposición dos ourensáns responde aos conflitos con Ciudadanos na zona", o círculo de Baltar responde que "Ciudadanos non pode achegar nada porque politicamente non é nada na Galiza".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

comentarios