Feixoo axita os seus resultados electorais en Verín fronte ás críticas polo expediente ao xefe de Xinecología

O PP caeu 11 puntos nese concello a respecto das eleccións de hai 4 anos.
Alberto Núñez Feixoo, após o Consello da Xunta que decorreu en San Caetano, Santiago (Foto: Arxina)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, após un Consello da Xunta (Foto: Arxina)

A apertura dun expediente disciplinario ao xefe de Xinecología do Hospital de Verín, Javier Castrillo, unha das caras visiíbeis que defenderon a continuidade do paritorio,estivo presente no pleno de hoxe do Parlamento da Galiza.

O portavoz do PSdeG principiou a súa intervención pedindo a Núñez Feixoo,que "rectifique" a apertura dun expediente disciplinario a Castrillo por uns feitos que se remontan a hai un ano, cando o xinecólogo manifestou a súa oposición á postura dunha pediatra que defendía trasladar a un bebé recentemente nado do comarcal de Verín a Ourense.

"Un ano despois, vostedes mostran a peor cara do PP, a das represalias e as purgas. Rectifique. Faga un monumento aos defensores da sanidade pública e non tente purgar un xinecólogo que é unha bandeira desta loita", instou o dirixente socialista, a quen Feixoo acusou de "intoxicar".

"Intoxicaron de forma continuada e constante sobre a sanidade de Verín, e ségueno facendo", acusou Feixoo, antes de se gabar dos seus resultados electorais na comarca nas últimas eleccións autonómicas. "Un 48,5% de verineses pensaron que o PP merecía gobernar e só o 21,5%, que debían gobernar vostedes", remarcou.

Nestes mesmos comicios, nos que Feixoo revalidou a súa maioría absoluta na Galiza por cuarta vez, o PP experimentou un descenso de apoios en relación ao ano 2016 no concello de Verín, onde tivo un 41% dos apoios nas últimas autonómicas fronte ao 52% de catro anos atrás.

Comentarios