Feixoo avisa: o congreso non é a única vía "democrática" para elixir sucesor

O presidente da Xunta ve "lexítimas" todas as opinións. Son "entendíbeis e respectuosas", dixo, mais advirte que a elección do seu sucesor ofrece máis dunha vía
Alberto Núñez Feixoo formalizou esta cuarta feira a súa campaña para presidir o PP, baixo o lema 'Preparados' (Foto: Á. Pérez Meca / Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Á. Pérez Meca / Europa Press).

O presidente da Xunta e líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, defendeu, tras o posicionamento de baróns como Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, ou Diego Calvo, presidente do PP da Coruña, a favor dun congreso para elixir o seu sucesor no partido, que as opinións son "perfectamente lexítimas", pero deixou claro que non está fechada a vía para a substitución e que "todo se fará conforme o que desexe o PPdeG".

"Imos cumprir todos os prazos e faremos o que digan os Estatutos do partido, que é o que toca", advertiu, en declaracións aos medios nos corredores da Cámara, onde asegurou que non sente "ningunha preocupación" polas declaracións dalgúns líderes territoriais do partido, xa que "todas son perfectamente lexítimas, todas son entendíbeis e todas son perfectamente respectuosas".

Iso si, advertiu que o congreso non é a única vía "democrática" para elixir un sucesor. "Todo o que din os Estatutos dun partido democrático é democrático", sentenciou.

Os Estatutos do PPdeG contemplan a vía dun congreso para resolver unha substitución precipitada tras unha renuncia, pero non só esa fórmula, tamén a posibilidade de que o sucesor sexa ratificado a través do acordo do Comité Executivo, que neste momento estaría lexitimado despois de ser renovado no verán.

Congreso no PPdeG "pronto"

Diego Calvo amosouse hoxe partidario de que se convoque un congreso no PPdeG e reclamouno con certa urxencia. Ha de ser "pronto", dixo, porque "sería bo" que os militantes escollan o sucesor de Alberto Núñez Feixoo

En canto á posibilidade de que se dea unha bicefalia e a substitución na Xunta non coincida necesariamente co xefe de filas no PPdeG, o dirixente coruñés considera que "sería mellor que non a houbese", pero deu a entender que se é a opción preferida pola "maioría" do partido, el apoiaríaa.

"Hai moitas sensibilidades e opinións. Eu teño a miña propia. Creo que sería mellor que non a houbese, pero ao mesmo tempo digo que cando se pon encima da mesa por parte de todos, se se considera que é unha opinión máis fundada ou ten moito máis apoio... Loxicamente eu apoiaría esa bicefalia se todo o mundo considérao", sentenciou.

Comentarios