O presidente defende o procedemento contra o xinecólogo do hospital de Verín

Feixoo avala o expediente a Castrillo

A sesión de control no Parlamento da Galiza serviu para certificar a cruzada do presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, contra o xinecólogo do hospital de Verín que liderou no último ano a loita contra o fechamento do paridoiro do centro e polo mantemento dos servizos sanitarios na comarca de Monterrei.
Javier Castrillo, primeiro pola dereita, nunha mobilización contra o seu expediente en Verín. (Foto: Europa Press)
photo_camera Javier Castrillo, primeiro pola dereita, nunha mobilización contra o seu expediente en Verín. (Foto: Europa Press)

A decisión do Goberno galego de incoar un expediente ao xefe de servizo de Xinecoloxía do hospital de Verín, Javier Castrillo, centrou parte da sesión de control do Parlamento da Galiza. O secretario xeral do PSdeG, Gozalo Caballero, cualificou o procedemento disciplinario como un “intento de purga” e acusou o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, de estar detrás da operación. “Vostede é o responsábel político deste expediente, que ten intencionalidade política”, sinalou Caballero a Feixoo, mentres lembrou que a propia autora da denuncia recoñeceu que “non se fixo por iniciativa propia, foi o meu xefe de servizo o que falou con Xerencia e pedíronme que a realizase”.

“Un ano despois de que tivesen que rectificar porque até o propio PP de Ourense lles deu as costas, ábrenlle expediente ao xinecólogo por defender o paridoiro de Verín. Habería que abrir expediente a vostedes por tentar fechalo”, afirmou Caballero, quen demandou a Feixoo que “deixe tranquilos os profesionais que defenden a sanidade pública”. Na mesma liña, o líder dos socialistas galegos criticou a tentativa de supresión do servizo de Xinecoloxía do hospital de Verín e lembrou que a mesma respondeu a unha “decisión política” para “abaratar custos” na sanidade pública.

O presidente da Xunta negou que o proceso aberto contra Javier Castrillo respondese a “unha vinganza política” ou a “unha purga” e cargou contra Caballero por volver levar o tema á Cámara galega. Feixoo insistiu en que a denuncia partiu dunha pediatra do centro e preguntou ao dirixente socialista: “Está dicindo que lle mandan a unha pediatra que denuncie? Habería que dicir á pediatra que cale? Suxire que foron todos instados por unha autoridade maléfica que quere deturpar o sistema sanitario?”. O mandatario galego definiu de “lamentábel” a pregunta formulada por Caballero e situou na Inspección Médica a responsabilidade de “activar” ou “arquivar” o expediente contra o xinecólogo de Verín.

A xestión do programa Next Generation

A portavoz do BNG, Ana Pontón centrou a súa interpelación na xestión dos fondos comunitarios incluídos no programa Next Generation e ofreceu un acordo ao Goberno para fixar “unha fronte común para conseguir a xestión directa” dos mesmos. Pontón afirmou que “aínda estamos a tempo de evitar que a Galiza quede marxinada, de evitar que tamén perda este tren”, e advertiu de que “se permitimos que se impoña a centralización dos fondos, Galiza perderá, gañará Madrid, gañará o eixo mediterráneo, gañarán algunhas grandes cidades, pero Galiza perderá”. A dirixente nacionalista apostou pola “descentralización dese fondo, para decidir desde aquí, con transparencia, participación e acordo, como investir a parte que nos corresponde”.

“Deixe de estar de brazos cruzados e reclamemos a descentralización do Next Generation e a xestión directa da parte que nos corresponde en lugar de presumir dun plan que non coñece ninguén porque é un expediente X que oculta ao Parlamento. A súa propaganda non achega solucións, é unha irresponsabilidade que pode terminar por arruinar o futuro deste país”, engadiu Pontón, quen lamentou que “non o imos conseguir cun Goberno galego convertido na xestoría dos intereses de multinacionais que cotizan no IBEX-35. Pola contra, hai que definir os proxectos estratéxicos para a Galiza do século XXI”. “Escoite con ánimo de construír, porque non podemos permitir que a Galiza perda o tren da reactivación económica e social, sería como darlle un portazo ao futuro do país”, concluíu Pontón.

A proposta de diálogo da líder nacionalista non atopou resposta en Feixoo, quen cargou contra o BNG polos seus acordos en concellos e deputacións cos socialistas. “Asinan un acordo e agora vennos pedir unha fronte común? Estaría o PSOE nesa fronte común? E que me di de facer unha fronte común contra o PSOE, o seu socio?”, retrucou Feixoo, quen sinalou que “se rompen os acordos co PSOE probabelmente poidamos facer cousas en común. Pero se queren seguir cos seus acordos co PSOE e despois dicir outra cousa, non pasa nada. Nós debémonos á Galiza, non ao PSOE”. Ao tempo, o presidente galego defendeu o trato dado a Galiza nos orzamentos do Goberno de Raxoi e criticou a redución de investimentos nos presupostos do Estado para 2021.

A transparencia na xestión dos proxectos a incorporar ao programa Next Generation provocou outro choque entre o presidente e a líder da oposición. Mentres Feixoo sacou peito da súa folla de ruta, Ana Pontón denunciou que se nega ao Parlamento ao acceso ás propostas presentadas.

Comentarios