Sesión de control

Feixoo asegura en plena greve dos PAC que a sanidade pública “nunca estivo mellor en Galiza”

O presidente acusa a oposición de “mentir” e acusa a colectivos de defensa da sanidade pública de ter detrás a “cargos do bipartito”.

[Imaxe: SG] Feixoo no Parlamento
photo_camera Imaxe: Parlamento

Feixoo non encaixa ben as críticas. É algo que pode apreciarse en calquera sesión de control á que se ten que someter no Parlamento.  As preguntas que se lle formulan desde a oposición son para el afrentas, cando non mentiras e manipulacións ou discursos demagóxicos. De aí que as respostas do mandatario galego adoiten camiñar entre o ataque case persoal ao portavoz opositor – cousa que sabe ben Luis Villares, de En Marea- ou en negar o ‘elefante na habitación’.

A portavoz do BNG, Ana Pontón, preguntoulle esta cuarta feira ao presidente pola greve dos PAC e polo deterioro que nestes anos sufriu a atención primaria. Os recortes en orzamentos, medios e material  prexudican gravemente a sanidade pública galega. “Rectifique”, pediulle a nacionalista, “escoite os profesionais do PAC, acabe coa precariedade e faga un plan de mellora da atención primaria”.

Non gostou Feixoo do que lle dixo Pontón. Acusouna de “alimentar o populismo” e de prexudicar a sanidade galega con “mentiras” e discursos “negativos”. “Nunca houbo tantas mentiras como agora [sobre a sanidade]”, afirmou. E “nunca a sanidade pública foi mellor en Galiza”, apostillou. Tivo tempo, ademais, para preguntarse (e responderse a le propio) sobre “quen está detrás” de colectivos e plataformas en defensa da sanidade: “Cargos asistencias do bipartito”.

Mantivo a mesma dinámica con Luis Villares (En Marea), que lle peguntou polo grao de cumprimento das 30 medidas en materia forestal que o presidente anunciara após a vaga de incendios de outubro de 2017: “Desas 30, 13 eran repeticións de leis vixentes. Outras eran novidades, mais non se aplicaron”. Para Villares, a Xunta fixo “folga de brazos caídos” o que permitiu que nestes anos Galiza “se convertese nun eucaliptal”.

De novo Feixoo non gostou do que escoitou. Acusou o portavoz de En Marea de non coñecer o medio rural galego e negou que o país estivese inzado de eucaliptos: “Ocupa 15,7% da superficie”.

O tono o presidente nas respostas baixou de intensidade con Fernández Leiceaga (PSdG). O socialista debullou as carencias na execución do Plan Move, importante para a mobilidade de persoas e empresas.

Comentarios