Feixoo aposta no centralismo e desbota "17 estados de alarma"

En chave estatal decorreu na mañá desta cuarta feira a rolda de prensa en que Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta da Galiza, desbotou a proposta do seu homólogo estatal, Pedro Sánchez, de ofrecer ás autonomías a declaración do estado de alarma de maneira individualizada.

2020826_feijoo_06
photo_camera Alberto Núñez Feixoo (Imaxe: Arxina).

Feixoo, que mentres o Goberno español ostentou as competencias reivindicaba máis poder, inhíbese agora e desbota “17 estados de alarma”. “O lóxico é que se somos unha nación especialmente castigada non haxa 17 respostas diferentes”, dixo en relación á importante viraxe da estratexia de xestión da pandemia por parte do Executivo formado por PSOE e Unidas Podemos.

Na súa intervención, logo de se reunir co comité clínico que asesora o seu Goberno, Feixoo puxo de manifesto que o estado de alarma non é “útil” para a xestión da pandemia, que requirirá da toma de decisións durante “meses, semestres ou anos”. Reclamou, non obstante, instrumentos “xurídicos” axeitados que faciliten a adopción de medidas por parte das autonomías sen recorrer a un xuíz ou xuíza que as valide.

Para iso, Feixoo adiantou que enviará ao Executivo estatal unha proposta de lei orgánica de saúde, cuxa tramitación será vía proposición de lei no Parlamento galego e no Congreso. “Temos xa un borrador avanzado”, agregou.

Regular corentenas

Feixoo tamén aludiu á orde publicada esta cuarta feira no Diario Oficial da Galiza (DOG), que recolle a regulación das corentenas para habilitar instrucións e "sancionar" no caso de que se incumpran as medidas de illamento. 

Afirmou que a orde ten por obxecto "facilitar o labor das forzas e corpos de seguridade e dos concellos" no "control dos espectáculos públicos" de forma que poderán suspender eventos e desaloxar locais.

285 novos casos

No último parte do Sergas, recolleuse a maior suba de novos diagnósticos de coronavirus desde abril. Trátase de 285 novos casos nun só día. Malia isto, Feixoo destacou que, en termos xerais, a situación epidemiolóxica da Galiza é “menos mala” que no conxunto do Estado. O presidente, que lembrou as 634 vítimas mortais [a última rexistrada hoxe], chamou a “non relaxarse” nin darse por “satisfeitos”.

A respecto do surto da Coruña, expuxo que a situación "continúa a ser complicada, mais parece que se estabiliza nos últimos días".

Comentarios