Feixóo aparenta equidistancia, aínda que unirá forzas con Casado contra Soraya

As cartas están xa sobre a mesa: Casado rexeita a oferta de integración que lle formulou Santamaría e disponse a asaltar o poder orgánico no PP, na votación decisiva das delegadas ao congreso a se realizar o vindeiro 21X. Ou hai unha mudanza pouco probábel no taboleiro ou as compromisarias do PPdeG apoiarán Casado para evitar a chegada de Soraya á presidencia do partido.

42901967311_4b54603cfa_h
photo_camera Feixóo, no acto en que anunciou que non concorrería ao congreso do PP estatal

Soraya gañou a primeira volta das primarias do PP, mais sen a suficiente marxe —apenas 1.600 votos de diferenza a respeito de Casado—para que a súa candidatura vaia ser asumida por aclamación polo conxunto dos e das delegadas ao congreso. Agora, as e os 2.612 compromisarios teñen na súa man decidir quen ostentará a presidencia do PP.

Como era previsíbel, a Soraya faltoulle tempo para lle ofertar a Casado unha integración, unha proposta que, apontaron algúns meios, mesmo podería incluír a secretaría xeral do partido, desempeñada até agora pola grande derrotada desta primeira volta, María Dolores de Cospedal. Como era previsíbel, a Casado -que se sabe gañador por ter un maior potencial de captación de aliados do que a súa rival- faltoulle tempo para declinar a oferta.

E nese escenario as e os compromisarios do PPdeG —279, por volta de 10 por cento do total— poden ser decisivos. "Non estamos atados a ningún compromiso. As bases do PPdeG votaron maioritariamente a prol dunha candidata eliminada [María Dolores Cospedal]. Temos as mans libres para actuar", dixo a Sermos unha fonte do PPdeG.

Todo indica que o PPdeG actuará a prol de Casado, dado o xordo confronto que nos últimos anos mantiveron entre bambalinas Feixóo e Soraya. A contorna do presidente do PPdeG está persuadida de que a ex vicepresidenta, da que dependía o CNI, manobrou no seu día para fabricar dossieres que puxeron teito ás ambicións do político de Os Peares.

Declaracións de Feixóo

As primeiras declaracións de Feixóo sobre o desenlace da primeira volta das primarias chegaron esta sexta feira, nun encontro cos meios durante o acto de apresentación do inicio das obras da estación intermodal en Compostela. O líder do PPdeG non desvelou a quen vai apoiar, mais si deslizou unha idea que o achega a Casado antes do que a Santamaría: a unidade do partido é o "obxectivo final", mais non se ten por que dar necesariamente "durante o congreso", senón que se pode vir a concretizar "inmediatamente despois".

Feixóo evitou así respaldar a proposta de integración formulada por Soraya e alentou, en troca, a competición entre os dous superviventes da primeira volta. "A xente votou en liberdade para elixir entre os seis candidatos e agora temos liberdade para voltar a elixir dous candidatos", dixo. Vía libre, por tanto, ao duelo Casado-Soraya.

En que momento recibirán as e os delegados do PPdeG unha indicación de voto para o plenario do congreso—o previsíbel é que na sesión do 21 de xullo voten en bloque—? Non o esclareceu Feixóo. Só dixo que antes de se decidir é preciso coñecer "equipas, proxectos e obxectivos"

Interpelado sobre o feito diferencial nestas primarias —na Galiza gañou Cospedal, terceira no estado—, Feixóo quitoulle toda importancia, co argumento de que apenas 400 votos separaron a candidata máis votada —a secretaria xeral— da menos —a ex vicepresidenta.

Comentarios