Sesión de control

Feixoo anuncia o voto favorábel do PP no Congreso á tramitación da transferencia da AP-9

O presidente, a preguntas do BNG, comprometeu o apoio, agora si, do seu partido nas Cortes españolas neste tema.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Parlamento. (Foto: Europa Press)

Agora si que toca. Co PP desaloxado do goberno español e o socialista Pedro Sánchez na Moncloa, a transferencia da AP-9 xa non é unha pataca quente para os populares galegos. Agora apoian a tramitación da transferencia da AP-9 a Galiza, un tema no que até o de agora gardaban silencio para non bater co ditado polo partido en Madrid e polo goberno de Mariano Raxoi. Mais Raxoi non está e ao goberno socialista pódeselles exixir o que se lle perdonaba ao goberno popular.

“O PP votará a favor da tramitación da transferencia da AP-9”, anunciou Feixoo na sesión de control. Respondía así ás preguntas da portavoz do BNG, Ana Pontón, que lle instaba a defender os intereses de Galiza e acabar co que cualificaba de “balanzo cutre” de autogoberno baixo a súa presidencia: “Dez anos, cero competencias”. A nacionalista emprazou ao mandatario a desmarcarse da “ofensiva recentralizadora” defendida polo PP español a ofreceulle o “apoio” do BNG para defender “os intereses” galegos. O presidente centrou a súa resposta en atacar o BNG por non acreditar esta forza, dixo, na constitución nin no estatuto.

Fernández Leiceaga (PSdeG) centrou a súa pregunta na denuncia do avanzo na desigualdade social nestes anos de gobernos de Núñez Feixoo. Botou man de datos estatísticas de diversos organismos para compoñer a imaxe dun país onde aumenta a fenda social: “Os propietarios melloraron fronte aos asalariados, os salarios altos fronte aos baixos… e temos 131.000 familias con carencias materiais severas”.

A redución do paro nestes meses foi unha das bazas expostas por Feixoo na réplica ao socialista. Crear traballo é o mellor xeito de reducir a desigualdade, defendeu. Esqyeceu a precariedade laboral e salarial de moitos dos novos empregos. A outra baza de Feixoo fronte a Leiceaga foi a de mentar Abel Caballero, ao que criticou por gastar en luces de Nadal “mentres ten os peores datos en política social das cidades galegas”. Os socialistas, pois, veu dicir, non son quen para preguntar á Xunta sobre desigualdades.

O motivo dos “vetos” do PP á comparecencia de determinadas persoas na Comisión de sanidade foi a pregunta realizada por Luis Villares (En Marea). “Non queren coñecer a verdade”, inqueriu Villares, incidindo na contradición de que nunha comisión na que se quere investigar cuestións como a dun paciente morto no PAC da Estrada ou as 8 persoas con Hepatite C falecidas polo ‘retraso’ na medicación; non vaian estar achegas chaves para saber o que pasou. “Que teñen que ocultar”, chegou a preguntar o portavoz de En Marea.

Como xa é habitual nas súas respostas a Villares, o presidente dedicouse a intentar desacreditar o portavoz de En Marea polos problemas internos desta formación. Ademais, nesta réplica defendeu a democracia da Comisión de Sanidade e acusou á oposición de non estar presente na mesma mais non parar de falar dela “en twitter”.

Comentarios