Destinado a servizos universitarios

Feixóo anuncia un novo edificio no Gaiás por 17 millóns de euros

A Xunta de Núñez Feixóo corrixirá o acordo parlamentario de 2013 e construirá un novo edificio na Cidade da Cultura de Compostela. Custará, segundo el mesmo anunciou esta mañá, 17 millóns de euros, e acollerá servizos universitarios.
 

cidade da cultura Turgalicia
photo_camera A Cidade da Cultura. Foto: Turgalicia.

En 2013, unha iniciativa do BNG acadaba o apoio de todos os partidos do Hórreo. O documento esixía do Goberno galego a paralización das obras no Gaiás e dos “contedores” aínda sen rematar. E Feixóo mandou apoiala. Ate esta mañá, en que, nun acto cos tres rectores, expuxo por sorpresa un novo proxecto: “O edificio Fontán”.

Segundo a nota de prensa da Consellaría de Educación, no Fontán instalaranse “o Consorcio Interuniversitario de Galicia, a Axenda para a Calidade do Sistema Universitario e o futuro Centro Europeo de Investigacións Culturais”. A enésima reviravolta do complexo cultural ideado por Fraga Iribarne á súa maior gloria non suporá, na tamén enésima versión de Feixóo, “incrementar o gasto de forma innecesaria”.

A Xunta explica que a infraestrutura tomará como base o que “ía ser o Teatro da Ópera”. “Situando este edificio no complexo do Gaiás tomamos unha decisión responsable para as arcas públicas, respectuosa co investimento que os galegos xa fixemos neste espazo e beneficiosa para as nosas universidades, porque está ao carón da arteria principal de Galicia, a Autoestrada do Atlántico”, afirmou Feixóo, quen falou do “sentidiño económico” da decisión.

Eduacación xustifica os 17 millóns de euros de gasto cos seguintes argumentos: “Os 17 millóns de euros que se necesitarán para situar no Gaiás o edificio Fontán son tan só 7 millóns de euros máis do que custou a estrutura do teatro e do que se necesitaría para derruílo. Facelo en calquera outro lugar, de acordo coas estimacións máis conservadoras, requiriría un investimento duns 30 millóns de euros”.

Comentarios