Feixoo anuncia diálogo ao tempo que rexeita as peticións de BNG e PSdeG

A tradicional rolda de consultas cos partidos políticos previa á investidura da Presidencia da Xunta decorreu no Parlamento galego. Núñez Feixoo será o único candidato e, a pesar de comprometerse a dialogar co BNG e PSdeG, xa fechou a posibilidade de reducir a ratio nas aulas, tal e como lle pide a oposición.
O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, recibiu o candidato á investidura,  Núñez Feixoo (Imaxe: Europa Press)
photo_camera O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, recibiu o candidato á investidura, Núñez Feixoo (Imaxe: Europa Press)

Após a reunión desta segunda feira, 24 de agosto, coas portavocías dos grupos políticos con presenza na Cámara galega, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, comunicou a Alberto Núñez Feixoo que será o único candidato para presidir a Xunta na sesión plenaria prevista para o 1 e 3 de setembro, unha cuestión formal ante a maioría absoluta coa que conta o PP. 

"A pesar de ser o grupo maioritario, imos tentar que tanto co BNG como co PSdeG poidamos traballar xuntos por unha Galiza que faga fronte á pandemia e evite as súas consecuencias económicas e sociais", proclamou o dirixente popular ao saír da xuntanza.

Porén, nada máis pronunciar estas palabras Feixoo mantívose na tónica das anteriores lexislaturas, descartando xa as peticións da comunidade educativa e dos partidos da oposición  que están a exixir medidas concretas para un inicio de curso seguro, e que consisten principalmente en aumentar o número de profesorado e reducir a ratio de alumnado por aula a 15 estudantes. 

Feixoo quixo recalcar que os retos mudaron a causa da Covid-19, e que agora se sitúan en que o virus non se converta nunha "pandemia económica e social". 

Pontón, contra os recortes e privatizacións do PP

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladou ao presidente do Parlamento que o nacionalismo non apoiará a investidura de Feixoo "porque existen grandes diferencias entre o programa político" dos populares e o da súa formación.

"As políticas do PP durante 11 anos centráronse en escatimar recursos para o sistema educativo e a sanidade pública” sobre todo, a  Atención Primaria cun recorte de 2.000 millóns de euros", denunciou Pontón.

"Ao longo destes anos", engadiu, "o PP destruíu gran parte do tecido industrial, miles de persoas víronse obrigadas a emigrar e non se puxeron en marcha medidas para loitar contra o cambio climático. Dentro dos sinais de identidade do PP", afirmou, "están os ataques á nosa lingua e cultura asfixiando as políticas de normalización lingüística", aseverou a nacionalista. 

Con todo, Pontón anunciou  unha oposición "construtiva" para lograr "grandes acordos a favor da Galiza" nun contexto marcado pola Covid-19.

Caballero comprométese cos servizos públicos

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, avanzou ao presidente da Cámara que fará unha oposición "leal", mais exixiu que a Xunta tome decisións urxentes fronte á Covid-19 e o inicio do curso, ademais de lanzar un aviso ao PP: terá "en fronte" o PSdeG se mantén a " inacción" ou acomete "recortes". Nese sentido, anunciou unha "defensa férrea" dos servizos públicos. 

Comentarios