Feixoo anuncia unha “desescalada” e o conselleiro de Sanidade considera que sacar esa cuestión agora é “pouco prudente”

García Comesaña considera que "non se pode falar" de desescalada cando o índice de incidencia na Galiza está en 500 casos e a ocupación das UCI continúa alta. Unha afirmación que chega apenas unha hora despois de que Feixoo falase dunha desescalada "medida e gradual".

 Alberto Núñez Feijóo, y el conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, dan cuenta de las medidas acordadas en el comité clínico.
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha imaxe de arquivo (Foto: Arxina)

Para o conselleiro de Sanidade, García Comesaña, "non procede" agora falar de desescaladas. Unha opinión que o conselleiro forneceu apenas unha hora despois de que Núñez Feixoo falase no Parlamento galego dunha "desescalada media e gradual". "Sería pouco prudente, con 250 pacientes na UCI, falar de desescalada"

"Falta moito para falar en termos técnicos de desescalada. A día de hoxe, non podemos falar doutra cousa que de manter as medidas e pedirlle aos cidadáns un esforzo adicional. Non podemos falar de desescalada", dixo o conselleiro

García Comesaña, indicou ao principio da súa comparecencia esta cuarta feira que estabamos perante un descenso "importante" mais "insuficiente" nos contaxios na Galiza, polo que non se podía, manifestou, falar de "contención". Incidiu en que nas UCI a situación "continúa a ser preocupante". 

Apenas unha hora antes do inicio desa comparecencia, Núñez Feixoo anunciaba na sesión de control ao presidente no Parlamento galego unha desescalada “medida e gradual” e “sen pasos en falso” na Galiza. Unha afirmación que fai horas despois de que Galiza superase as 2.000 persoas falecidas pola Covid. Epidemiólogos e sanitarios teñen advertido en non poucas ocasións do desacertado de afrontar posíbeis fin das restricións en breve, porque iso leva a un escenario que implicaría novas repuntas de contaxios.

O presidente dá un paso máis así a respecto do anuncio que fixo esta segunda feira, antes da reunión do comité clínico, e no que xa apuntaba a un “alivio” das restricións a partir de mediados de semana que vén.

Comentarios