Feixoo altera a súa axenda para estar con Vox na manifestación contra o "traidor" Sánchez

A prioridade é a presidencia da Xunta e non o partido, mais se fai falta "adaptar" a axenda daquela para atender a este, faise sen problema. Isto é o que se infire dos últimos movimentos, frenéticos, producidos en Monte Pío. Non sen debate interno, finalmente Feixoo adianta o seu retorno a Galiza dos EUA e estará o domingo na manifestación das dereitas españolas (PP, Cs e Vox) contra o Goberno Sánchez 

ANF
photo_camera Feixoo, co conselleiro de Industria (na dereita), nunha visita ao porto de Miami

O debate en Monte Pío produciuse máis menos nestes termos: afastar o cálice da manifestación do domingo dos beizos de Feixoo para preservar o seu perfil moderado —a foto con Vox pode restar votos nos caladoiros centristas— ou ir á capital do estado para non dar renda solta aos ruxe ruxe sobre discrepancias no alto mando do PP e sobre o renacer das ambicións do político de Os Peares de aterrar no despacho presidencial da Rúa Génova.

O debate produciuse en Monte Pío, non así en Génova. Desde o primeiro minuto Pablo Casado tiña claro que quería canda si na praza Colón non só Feixóo, senón tamén Moreno Bonilla, presidente da Junta de Andalucía e dirixente tamén da liña máis centrista (na súa condición de antigo sorayista) do partido.

Finalmente, prevaleceu o criterio de Casado e dos sectores máis de dereita e centralistas do PPdeG e Feixóo estará en Madrid. "Quixo ir desde o primeiro minuto", afirmaron fontes do aparato de propaganda da Xunta a Europa Press, nun intento por espallar o relato de que o titular do goberno galego non valorou en ningún momento marcar distancias a respecto de Génova.

Coa incógnita Feixoo despexada, a representación de cadros do PPdeG na manifestación para "botar Sánchez" do goberno do Estado —o pretexto é a introdución da figura do "relator" na mesa de partidos sobre o conflito entre Catalunya e España— será moi potente. Non só estará Feixoo, senón tamén o vicepresidente Alfonso Rueda e o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado. Acompañaranos un mínimo de 4 autocarros fretados polo partido.

Comentarios