Feixoo alerta de que o Supremo “non pode ser un xulgado de garda” ante as restricións polo virus

O presidente da Xunta da Galiza reiterou hoxe a súa petición dunha lexislación específica na que todos os territorios actúen baixo as mesmas regras. Considera que a actitude do Goberno español após o estado de alarma, deixando as decisións en mans dos tribunais de cada zona e, en último caso, nas do alto tribunal provocan “inseguridade xurídica”.

Feixoo insiste na crítica á política do Goberno español após o estado de alarma. (Foto: David Cabezón / Europa Press)
photo_camera Feixoo insiste na crítica á política do Goberno español após o estado de alarma. (Foto: David Cabezón / Europa Press)

“O Supremo non pode ser un xulgado de garda”. Así o afirmou hoxe o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, que novamente amosou a súa opinión crítica coa estratexia do Executivo do Estado español de deixar finalizar o estado de alarma e fiar as decisións as administracións territoriais con permiso dos seus tribunais superiores e, en última instancia, do Tribunal Supremo.

Feixoo fixo estas declaracións, novamente contrarias á decisión da equipa de Pedro Sánchez, nunha visita á cidade de Porto. Desde o punto de vista do líder popular a situación actual implica “inseguridade xurídica”.

Neste sentido, insistiu na “ausencia” dunha lexislación concreta que se adapte ás realidades que decorren coa pandemia e que teña un criterio común a nivel estatal.

Após saber que o Goberno español estaría disposto a “realizar cambios legais adicionais” para que cada zona poida estabelecer as restricións que considere oportunas en función de como evolucione a Covid-19, Feixoo entende que esta sorte de volta atrás “desprende a necesidade das resolucións do Tribunal Supremo”, que tal e como están as cousas é o único que pode unificar os criterios.

Sen atención ás críticas

De feito, a pasada sexta feira xa se viu que o feito de que cada órgano xudicial decidira dar ou non o visto e prace ás medidas dos gobernos zonais implica moitas desigualdades, pois houbo diferencias entre Catalunya e o País Vasco, ou entre a Comunidade Valenciana e Madrid.

Aliás, o gabinete técnico do Supremo xa se queixara tamén dos problemas arredor dos dereitos fundamentais, do incremento de traballo, da presión polos tempos e da responsabilidade que lle supoñía o novo marco de control do coronavirus.

A pesar destas críticas, o ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, dicía que “é razoábel que se hai disparidade de criterios sexa o alto tribunal o que marque a pauta común”.

"Encher un baleiro legal"

Por iso, o representante da Xunta considera que o Executivo foi “teimudo” e que agora ten que “desdicirse”, como xa advertiran algúns territorios.

"Agora toca casación no Supremo, pero o Supremo non pode ser un xulgado de garda para solucionar problemas de lagoas legais. Os tribunais poden aplicar leis, pero non lexislan. E o problema que hai en España non é de aplicación de leis, senón de ausencia legal", subliñou.

"Todos estamos en mans do Supremo", argüíu, para concluír que os xuíces "non son epidemiólogos" nin responsábeis de "encher un baleiro legal”.

Ao fío desta situación, Vox asegurou que tamén irá aos tribunais do contencioso ante calquera decreto que impoña toques de recoller ou restricións pola crise sanitaria, con independencia da cor política que estea no Goberno.

Comentarios