Coronavirus: PPdeG suspende a 'romería' do Pino, na que prevía reunir máis de 4.500 persoas

Feixoo admite que a campaña verase afectada polo coronavirus.

feixoo

A precampaña e a campaña das eleccións do 5 de abril veranse afectadas pola crise do Coronavirus. Así o recoñeceu, en declaracións en senllos actos en Lugo e A Coruña, o presidente galego e candidato do PPdeG á reelección, Núñez Feixoo, quen explicou que o comité de campaña do PPdeG analizou a conveniencia de suspender algún acto. En concreto, os populares tiñan previsto un multitudinario no Pino para este sábado e que finalmente suspenden.

Na Coruña, Feixoo admitiu "preocupación", aínda que enviou unha mensaxe de tranquilidade e subliñou que "hai que estar preparados". Aludiu ao contacto coas autoridades sanitarias da Administración española e lembrou que, após falar na pasada xornada co presidente Pedro Sánchez, a Xunta está pendente das decisións que se concreten no Consello de Ministros. "De momento, non hai ningunha información destacábel, pero o lóxico é mirar, ver, observar e analizar, e posteriormente valorar calquera medida que podamos adoptar", subliñou.

Eleccións sen mitin?

Preguntado acerca de se é posible que haxa eleccións sen mitins de campaña, respondeu que non sabe. "Pois non o sei, nunca se deu este feito nin unha situación así. En Francia hai eleccións municipais e de momento mantéñense", esgrimiu.

A continuación, precisou que, en todo caso, "é certo" que haberá que tomar decisións e referiuse a un acto que o PPdeG tiña previsto para o vindeiro sábado no Pino e no que agardaban unha asistencia de máis de 4.000 persoas e que se suspende

.

Comentarios