Feixoo quere captar o electorado de Vox para o PP "como na Galiza"

O ex presidente da Xunta tamén gaba o independentismo para criticar o PSOE: "Estes non enganaron nunca a ninguén".
Alberto Núñez Feixoo e Santiago Abascal. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Santiago Abascal. (Foto: Europa Press)

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que aspira a “captar o electorado de Vox” para cumprir o seu obxectivo de “gobernar en solitario”, tal e como “xa sucedeu na Galiza”. “Eu creo que isto terá lugar, ademais dun feito moi sorprendente, que moita xente do PSOE ou votará PP ou non irá votar”.

Ademais, acusou os socialistas de “debilitar máis o Estado do que o fixeron os independentistas”, porque para el, estes últimos “non enganaron nunca a ninguén”.

Todo isto afirmouno nunha entrevista no diario catalán El Periódico publicada no día de hoxe, na que acusou o presidente, Pedro Sánchez, de enganar á cidadanía: "O que nos enganou agora é Sánchez, porque concorreu ás eleccións dicindo cousas para as que foi votado, e fixo exactamente o contrario de todo o que prometeu".

Apuntou que Sánchez prometeu "manter o delito de sedición, agravar as penas por corrupción, que os xuíces elixan os xuíce e, por tanto, maior independencia xudicial, non indultar os condenados polo procés", e recalcou que non o cumpriu, o que ao seu parecer significa debilitar o Estado.

Feixoo sostivo que prefire "os indultos á modificación do Código penal", en referencia á reforma do delito de sedición e malversación.

E concretou: "Eu non estou de acordo cos indultos, pero ti podes indultar a unha persoa e non desaparece o delito que cometeu. Agora xa non. Agora trátase de dicir que o que se fixo non era un delito".

Finalmente, e en relación coa paralización da renovación dos cargos caducados do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPX), tras o recurso de amparo presentado polo PP, Feixoo considerou que foi "unha boa semana, porque se demostrou que o Estado de Dereito segue funcionando en España".

"Temos un réxime democrático de pesos e contrapesos e todos estamos sometidos ao imperio da lei. O Goberno quixo magnificar todo facendo roldas de prensa de medianoite e malutilizando as institucións", concluíu.

Comentarios