Sesión de control

Feixoo acusa a oposición de “facer partidismo” coa violencia de xénero

O BNG solicitou maior compromiso orzamentario e unha unidade específica adscrita á DX de Xustiza para violencia de xénero; En Marea reprochou os recortes en partidas para combater a desigualdade das mulleres.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Parlamento. (Foto: Europa Press)
photo_camera Imaxe: Parlamento de Galiza

O domingo, 25N, é o Día Internacional pola eliminación da violencia contra a muller, unha cuestión que esta cuarta feira centrou boa parte da sesión de control parlamentar ao presidente da Xunta. O BNG lembrou que nestes anos foron asasinadas no noso país 45 mulleres e que hai tres denuncias á semana por violación. Apenas dous dados para albiscar a gravidade da violencia machista en Galiza.

A portavoz nacionalista, Ana Pontón, instou o goberno galego a tomar conciencia desta realidade e propuxo unha serie de medidas e actuacións: dedicar 1% do orzamento a este campo, subir 30% as axudas ás vítimas, atención psicolóxica en atención primaria ou crear unha unidade específica para violencia de xénero adscrita á Dirección Xeral de Xustiza. “A manada non son cinco, as manadas están na política, na xustiza e nas institucións” e pediu a Feixoo que demostre “non formar parte de ningunha delas e cumpra a lei contra a violencia de xénero”

Luís Villares (En Marea) centrou a súa intervención no que cualificou de “racañería orzamentaria” do goberno galego para aquelas partidas dirixidas a combater a desigualdade da muller. O portavoz de En Marea botou contas do que se destinaba hai dez anos e agora e afirma que houbo unha queda no esforzo inversor de máis de 40%.

Para Feixoo, a oposición fai “loita partidista” coa violencia de xénero. Cargou contra o bipartito —no que xa é todo un clásico feixoniano nas sesións de control— desta volta criticando que apenas tivesen política contra a violencia de xénero. “Ningún orzamento nin proposta supera o que temos actualmente”, asegurou o presidente.

Sanidade

O portavoz socialista, Fernández Leiceaga, preguntou a Feixoo sobre a situación da Sanidade, un servizo que estes anos sufriu recortes en profesionais e fondos, dixo. “Hai agora 190 millóns de euros menos para Atención Primaria que en 2009 e 1.300 profesionais menos que daquela”. Aliás, a precariedade aumentou: “Se en 201 situamos a eventualidade laboral existente en 100 agora estamos en 180”.

O presidente negou as cifras ofrecidas polo socialista e este lembroulle que eran dados oficiais e dos propios orzamentos. “Mentira e PSdeG son sinónimos”, reiterou. Núñez Feijóo anunciou, aliás, que o seu Goberno  dará luz verde esta quinta feira á próxima Oferta Pública de Emprego (OPE) de 1.461 prazas para o sistema sanitario galego de saúde, que esgotará a taxa de reposición.

Comentarios