O presidente galego negara esa posibilidade hai unha semana

Feixoo abre a porta a novas restricións

Unha semana despois que o presidente galego anunciara ao remate do Consello da Xunta que o seu Goberno “non aplicará restricións adicionais” e anunciara que Galiza “é unha das rexións europeas” onde malia aos contaxios, a situación mellorou “sobre todo se se compara co estado do resto de España”, Núñez Feixoo volveu á mesma sala para dar conta das novas medidas acordadas polo seu Executivo fronte á pandemia e criticar ao Gabinete de Sánchez pola falla de previsión na xestión da mesma.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta. San Caetano, Santiago de Compostela, 23/12/21.
photo_camera Núñez Feixoo comparecendo ao remate do Consello da Xunta.(Foto: Xunta da Galiza)

Alberto Núñez Feixoo aproveitou a comparecencia que segue a reunión semanal do Goberno para abrir a porta a adopción de novas restricións na vindeira semana. Neste sentido, avanzou unha reunión do comité clínico na terza feira para tomar decisións sobre as festas de Fin de Ano e Reis.

O mandatario galego volveu a utilizar a tradicional comparecencia posterior ao Consello da Xunta para facer oposición ao Goberno Estado. Neste sentido, no marco da presentación Plan de Reforma e Ampliación da Rede Aulas CeMIT, un programa cunha duración de tres anos destinado a ampliar as competencias dixitais básicas, Feixoo criticou “a falla de cogobernanza que se evidencia que nos plans de recuperación do Goberno do Estado destinados á banda ancha, só  9% de 4.000 millóns de euros se vaian transferir ás comunidades”

Peaxes

O titular do Executivo galego adiantou que a Xunta prevé dedicar 550.000 euros a  limitar o impacto da suba de peaxes nas autoestradas AG-55, entre A Coruña e Carballo, e AG-57, no Val Miñor. Neste sentido destacou, que a achega do Goberno galego permite deixar a alza decida pola concesionaria de 5,09% en 2,5%.

Feixoo sacou peita desta decisión, cualificando ás autoestradas galegas “como as máis baratas de España”, ou polo menos máis económicas que as vías de titularidade estatal “con descontos incluídos”.

“Para iso temos que facer unha achega de máis de medio millón de euros. Para que non se disparen as peaxes das autoestradas”, asegurou Feixoo, quen anunciou “unha modificación do convenio coa concesionaria co fin de que este incremento se reduza a menos da metade do previsto”

Emprego xuvenil

O Goberno galego acordou na súa xuntanza destinar 11,2 millóns de euros a un programa dedicado a garantir a primeira experiencia profesional de até 520 menores de 30 anos nas administracións públicas.

O presidente Alberto Núñez Feixoo explicou que “este novo plan permitirá sufragar os custos salariais e laborais das persoas que se incorporen ás administracións cun contrato de 12 meses a xornada completa e con contías entre 21.400 euros e 32.000 euros en función da súa categoría profesional”.

A proposta fai parte do plan Emprega Xuventude, que incorpora actuacións dirixidas a favorecer a inserción laboral nos menores de 30 anos e conta cun orzamento aproximado de 52 millóns de euros, dentro do cal tamén se inclúe o plan Investigo, aprobado a semana pasada por unha contía de 13,1 millóns de euros e co obxectivo de financiar a contratación de máis 500 persoas.

Comentarios