Feijóo volve defender Baltar na denuncia por acoso sexual

No Día para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres o presidente da Xunta amparou o líder do PP de Ourense. "Pouco teño que dicir" para alén "do que levo dito". 

Feijóo Rueda Baltar

Alberto Núñez Feijóo mantén a súa posición a respeito da denuncia contra José Manuel Baltar. O presidente da Xunta asegura que actúa con "prudencia" perante as gravacións nas que se escoita o líder do PP de Ourense e presidente da Deputación ofrecendo un posto de traballo a cambio de sexo e mesmo asegurando que mudaría notas en procesos de selección de persoal para favorecer determinadas persoas. 

Unha actitude que para o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, é "indigna" e "unha vergoña" pois "para amparar" Baltar o líder do executivo galego "converteu" mesmo "a vítima en culpábel". 

"Aplícalle a Baltar a presunción de inocencia mais non á denunciante á que acusou de instigar a cometer un delito"

O portavoz da organización frontista instou Feijóo a "exixir a demisión" do presidente da Deputación pois "o acoso sexual é tamén unha forma de violencia machista", lembrou referíndose á Lei galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero. Con motivo do 25 de Novembro, Jorquera asegurou que "o primeiro que hai que facer é acabar dunha vez coa hipocrisía". 

Mais o mandatario galego dixo ter "pouco" que dicir para alén "do que levo dito" e acusou a organización frontista, como xa fixera coas demais forzas da opocisión de ter xulgado e "estabelecido o veredicto" contra Baltar. Feijóo asegurou que actuará con "prudencia" e agardará a que se pronuncie a xustiza. Así as cousas, nunha entrevista concedida a un medio de comunicación privado amosouse "preocupado" pola denuncia, como lle lembrou Jorquera na sesión de control ao presidente. "Preocupado pola denuncia mais non polos feitos", espetou o portavoz nacionalista. 

"Aplícalle a Baltar a presunción de inocencia mais non á denunciante" após acusala "de instigar a cometer un delito", afirmou. 

Comentarios