Sesión de control

Feijóo, a Villares: “Vostede non será deputado e eu seguirei sendo presidente da Xunta"

O presidente aproveitou a sesión de control no Parlamento para afirmar en reiteradas ocasións que fica en Galiza e non medita dar o ‘salto’ a Madrid. Reiterouno perante Ana Pontón (BNG) e Luís Villares (En Marea), que lle reprochaban estar máis pendente de suceder a Rajoy que de resolver os problemas dos galegos e galegas.

[Imaxe: Feijóo]

O futuro político de Núñez Feijóo está aquén do Padornelo. Iso é polo menos o que o propio Feijóo se encargou de reiterar esta cuarta feira no Parlamento de Galiza durante a sesión de control ao presidente. Desbotar calquera dúbida que poida haber sobre se o seu compromiso con Galiza está supeditado á carreira sucesoria de Mariano Rajoy, onde Feijóo non se privou de meter ficha durante estes meses.

“Faltan dous anos para que finalice o seu mandato: ou demita ou póñase as pilas” (Ana Pontón)

“Señor Villares, probabelmente cando vostede non sexa deputado eu seguirei sendo presidente da Xunta se os galegos queren, podo asegurarllo”. Así lle respondeu o mandatario ao portavoz de En Marea, que o acusaba de someter a galegos e galegas a “sacrificios” para “pagarlle a carreira en Madrid”.

“Cantos sacrificios máis temos que facer os galegos para pagarlle a careira en Madrid?” (Luis Villares)

Villares dixo que a sumisión da Xunta perante Madrid, que Galiza teña as peaxes máis caras, a renuncia a un financiamento xusto… débese ao interese de Feijóo en situarse na “pool position” sucesoria. Negouno o de Monte Pío, que aproveitou para meter o dedo nas divisións internas de En Marea.

“En emprego vostede vive nunha Galiza de conto, que non é a realidade” (Fernández Leiceaga)

Pouco antes do debate co portavoz de En Marea Feijóo xa afirmara a súa intención de ficar en Galiza. Fíxoo na quenda de resposta a Ana Pontón (BNG), que lle reprochaba que fixese ouvidos xordos a mobilizacións e demandas da cidadanía contra os recortes de servizos públicos. Unha xordeira, sinalou a nacionalista, que proviría de que “xa ten a decisión tomada [sobre marchar ou seguir] e espera que abra a porta que lle interesa”. Núñez Feijóo afirmou entón dirixíndose a Pontón: “Vostede confunde desexos coa realidade: a miña decisión é ficar. Os galegos dixéronme que tiña que quedar e para min é unha honra seguir até o último momento”.

“A miña decisión é ficar. Os galegos dixéronme que tiña que quedar e para min é unha honra seguir até o último momento” (Feijóo)

O portavoz socialistas, Xoaquín Fernández Leiceaga, non entrou na lea sobre o futuro político do líder popular. Centrouse en criticar que Feijóo “viva nunha Galiza de conto, onde vostede cos seus poderes máxicos resolve todos os problemas”, Mais a realidade, engadiu, é outra, e puxo o exemplo do emprego: máis temporalidade, menos persoas ocupadas que antes da crise, precariedade. O presidente retrucoulle co argumentario ao uso nestes casos: todo estaba peor cando gobernaban os socialistas. Xa o propio Leiceaga comezara a súa intervención advertindo que en troca dunha sesión de control ao presidente, estas citas eran “sesión de control á oposición”.

Comentarios