Feijóo ve no PP a única garantía de Galiza non sofrer o "bloqueo" político do Estado

Na apresentación das listas do PPdeG perante a xunta directiva da formación na Galiza, Feijóo equiparou o taboleiro galego ao español -bloqueado sen maiorías de goberno no Congreso após dúas eleccións xerais- e erixiu o seu partido no único garante de estabilidade. VÍDEO NO INTERIOR

"Somos a única candidatura que pode garantir que Galiza non sofrerá o bloqueo que leva oito meses sufrindo España", dixo Feijóo, para quen a formación conservadora é a única con capacidade de "comezar a traballar ás poucas horas de que fechen os colexios eleitorais, sen perder o termpo nen facer perder diñeiro" ás e aos cidadáns.

O relato do PP para esta campaña esta servido: dun lado, a seriedade e a estabilidade; doutro, a confusión e as guerras cainitas. Dunha banda "a división, as leas e as vendettas", doutra a "vocación" do PP de "servir os galegos". "Estamos centrados no que interesa á xente: dar estabilidade e achegar responsabilidade".

Estabilidade vai ser a palabra de orden da maquinaria eleitoral conservadora nos días que fican por diante até o 25 de setembro. "Gobernar é unha dedicación completa, non pode haber institucións estábeis sen partidos estábeis". Estabilidade e lideranzas fortes. "Non pode haber un presidente secuestrado polas minorías", dixo.

Comentarios