Feijóo ve nas primarias “unha moda”, mais se fai falta acabará por asumilas

Aínda lembro cando se tiña a Feijóo por un tecnócrata, un xestor. Desbotei a impresión a primeira vez que o vin debater, na Ser, en Vigo, nunha tertulia para todo o Estado, nunhas xerais, as primeiras que gañou Zapatero. Alí vin un killer da discusión política, un tipo duro, coa faca dialéctica entre os dentes. Un político puro. Digamos que un político burgués, claro, mais un político. Iso que significa? Que ten principios, obvio (os do Business Party no que milita), mas a suficiente flexibilidade para mudar de partitura se fixer falta para sobreviver.

Feijóo en campaña municipais 2015
photo_camera Feijóo en campaña municipais 2015


Aínda non concluíu a primeira semana de campaña e xa estamos, inevitábel clásico, no debate das coligazóns do día despois. Nen nova nen vella: a política é así, trata sobre o poder, sobre como telo, sobre como conquistalo. Estas eleccións se teñen unha orixinalidade non é a de Podemos -unha vaca máis no millo da esquerda-, senón a de Ciudadanos, o fin do monopolio que o PP exerceu historicamente sobre a direita, o centro e a extrema direita, quer na Galiza quer no Estado. Si, amigas e amigos, o novo obxectivamente é Rivera, embora nada hai inteiramente novo, somos unha especie que tende a repetirse, e o Ciudadanos de hoxe puidese ser unha reverberación do pasado, do CDS de Suárez ou mesmo daquela falida Operación Roca que nos anos 80 do pasado século apadriñara o pujolismo no paroxismo da súa política posibilista.

Ciudadanos é a novidade e é a verdadeira incógnita. Que é? É realmente unha marca branca? É unha muleta? Ou sobe ao cuadrilátero a discutir a hexemonía do Partido Popular?

Na súa despedida de El Mundo, Pedro Jota dixo, more or less: aquí o que fai falta é un Podemos de dereitas. Dito e feito: apareceu Ciudadanos

Ciudadanos non aparece porque si, xa imos cumprindo anos e somos maiorciños. A ver: a dereita política, digamos o PP, liquidou o director de xornal con máis poder na historia recente do Estado, Pedro Jota Ramírez, e non o fixo gratuitamente: foi un axuste de contas, o reflexo de loitas intestinas nas cúpulas de poder e seguro que nos faltan moitas chaves para descodificalas. Mais reteñan isto: na súa despedida de El Mundo, Pedro Jota dixo, more or less: aquí o que fai falta é un Podemos de dereitas. Dito e feito: apareceu Ciudadanos.

Detrás de Cs está moito máis que un xornalista con gañas de vinganza, hai sectores dos poderes económicos, da burguesía española, que son conscientes de que non se pode gobernar o Estado español cunha dereita -o PP- que é marxinal en Catalunya e non esquezamos que Catalunya é hoxe o grande desafío para as elites matritenses.

Esa facción da burguesía española entende que é necesario un cambio de garda, alguén que poda mandar en España e ao tempo ser politicamente relevante en Catalunya.

Branco e en botella: Albert Rivera e Ciudadanos.

Pois ben, no post 24M xógase Ciudadanos parte do seu futuro táctico. Se pactan mecanicamente co PP, malo, porque reforzan Rajoy e a impresión de que si son unha marca branca do partido da gaivota. Daí que todo apunta a que, no mínimo de aquí ás xerais, Ciudadanos non revelará todas as súas cartas.

Dous elementos apontan esa tese: primeiro, Ciudadanos afirma que non entrará en ningún goberno como socio minoritario (normal, despois de ver o desastre dos Lib Dems após o goberno de coligazón cos tories); segundo, Ciudadanos di que só pactará cunha forza política que asuma as primarias como mecanismo interno de elección de líderes. Esta é unha oferta imposíbel de aceitar (unha oferta anti-Corleone) porque o partido que accedese a tal cousa estaría a vender o ben máis preciado de toda organización: a súa soberanía para gobernar a súa propia casa en función da súa conveniencia. Sabe Rivera que o PP non pode aceitar isto e, porén, coloca esta condición como innegociábel. Por que? Porque neste momento -e até as xerais- non lle interesa pactar.

Hai primarias no partido republicano dos EUA, o Business Party por excelencia, non sempre vamos militar nun partido de elección dixital, calquera sabe onde podería acabar pousando o dedo de Mariano se elixise el o seu sucesor, talvez sexa iso o que pensa Feijóo

Mais aquí, desde unha perspectiva galega, o interesante é o que declarou Feijóo ao respeito. O home de Monte Pío dixo que as primarias son unha “moda” e, falangueiro, engadiu; “Un partido non pode pór unha moda e en función da moda que lle pareza correcta, [pretender que] os demais teñan que axeitarse [a ela]”.

É isto o que pensa realmente ou é isto o que ten que dicer neste momento? 

Ninguén sabe moi ben o que pensa Feijóo. En realidade, tanto ten. Feijóo é un pragmático puro e, se os inquéritos e os arriolas de quenda foren por aí, é perfeitamente posíbel que no futuro abrace as primarias co fervor do converso. As primarias, pensa e seguramente acerta, non son o fondo de nada, son simplesmente forma. Hai primarias no partido republicano dos EUA, que é o Business Party por excelencia, non sempre vamos militar nun partido de elección dixital, calquera sabe onde podería acabar pousando o dedo de Mariano se elixise el o seu sucesor, tal vez sexa iso o que pense Feijóo mentres o seu aparato de propaganda fantasea coas súas opcións de sobreviver politicamente o 24M para o empoleirar rumo á Moncloa.

Comentarios