Feijóo toma posesión como presidente da Xunta cunha chamada a "recuperar España, a nación da que formamos parte"

Alberto Núñez Feijóo afirma na súa toma de posesión ter moi presente "o abanfante drama dos galegos sen emprego" e fai varias referencias á unidade de España como garante de benestar e de saída da crise, á que apenas mencionou. Afirmou ser "consciente da necesidade de esperanza do pobo que represento". A vicepresidenta do goberno español, Soraya Sáez de Santamaría, pon a Galiza como exemplo "para o mundo" de austeridade
Feijoo

Alberto Núñez Feijóo tomou posesión como presidente da Xunta de Galiza este sábado, nun acto austero, segundo el mesmo definiu, que se desenvolveu no Parlamento autonómico. Ás portas, centos de persoas concentradas, estafad@s polas preferentes, lembraban ao novo presidente ás súas responsabilidades na estafa.

 Feijóo: "Son consciente da necesidade de esperanza do pobo que represento"

Nun salón repleto de autoridades políticas e militares, Feijóo fixo acto de entrada acompañado pola presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, e pola vicepresidenta do goberno español, Soraya Sáez de Santamaría. Tras o acto oficial de toma de posesión, no que Feijóo optou pola fórmula de prometer o cargo en vez da de xurar, a primeira en tomar a palabra foi Soraya Sáez de Santamaría, coa banda sonora de fondo das bocinas d@s concentrad@s que, ainda que minguadas, ben se escoitaban no salón de actos.

A vicepresidenta comezou cun panexírico sobre os tópicos galegos, "coñecedes como ninguén o que é o traballo no campo, no mar e lonxe da vosa terra" para ensalzar a importancia de "unir" España e non de "levantar fronteiras"

 A vicepresidenta comezou cun panexírico sobre os tópicos galegos, "coñecedes como ninguén o que é o traballo no campo, no mar e lonxe da vosa terra" para ensalzar a importancia de "unir" España e non de "levantar fronteiras". Nesta sinxela fórmula, considera Santamaría, reside o bálsamo de Fierrabrás que vai permitir sair ao estado español da crise.

Feijóo e Rajoy, os galegos por execelencia

Soraya de Santamaría alabou a Feijóo, do que dixo que "non buscou nada distinto para solucionar os problemas que o que marca o carácter galego: Traballo e responsabilidade". E de aí deu o chimpo á pálabra máxica, austeridade. Para a vicepresidenta española, Núñez Feijóo fixo de Galiza un exemplo de austeridade "para o mundo e para España". Após Feijóo, foi Rajoy o merecedor das alabanzas de Soraya Sáez, que dixo que para este país era un orgullo ter un presidente galego. Tanto a un como a outro, púxoos de exemplo de galegos.

 "A gran familia"

O xa presidente da Xunta de Galiza comezou a súa intervención agradecendo o apoio dos galegos, para pasar xa de inmediato a decir que "os galegos estamos onde queremos estar: Galiza está en España e en Europa". De seguido, Feijóo fixo unha cmada a "recuperar a nación da que formamos parte e nos une". En referencia a España.

O presidente autonómico pasou entón a empregar o español no acto oficial para agradecer o apoio do goberno central a Galiza. E volveu ao galego para deitar unha frase: "A política democrática é unha rebeldía contra o determinismo".

Feijóo falou pouco de crise. Gustoulle máis o da identidade: "Non somos un país uniformizado onde rixa unha identidade excluínte".

E xa baixando á terra, Núñez Feijóo tivo o momento de lembrar a crise e os seus efectos: "É abafante o drama dos galegos sen emprego". E punto. Volveu entón o presidente ao discurso identitario para afirmar que Galiza "non somos un país uniformizado onde rixa unha identidade excluínte". Tras esta declaración repetiu, xa como broche de ouro do seu discurso, tres veces a palabra Galicia.

Un himno moi pouco cantado

Finalizado o discurso, interpretouse o Hino Galego. Susana Seivane á gaita e Rosa Cedrón (ex-voz de Luar na Lubre) foron as encargadas de interpretalo. De cantar a letra, moi poucos dos presentes. Moitos deles e delas nin abriron a boca. E dos que o fixeron, notábase que algo lles soaba a letra de Pondal, mais non moito. E que se equivocaron ao cantalo, bastantes. Iso sí, ao chegar a Fogar de Breogán, a cousa mellorou. Era a parte que se sabían.

Comentarios