Feixoo: "Temos que facer eleccións de forma inmediata"

O presidente da Xunta anuncia que revelará "máis pronto que tarde" a data dos comicios ao Parlamento da Galiza.

EuropaPress_2998082_presidente_xunta_alberto_nunez_feijoo_videoconferencia_pedro_sanchez_resto
photo_camera A lexislación marca 54 días entre a convocatoria das eleccións e a votación (Xunta)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, mantén a incógnita sobre cando será a nova data das eleccións ao Parlamento da Galiza que ficaron suspendidas pola pandemia do coronavirus e, aínda que tampouco desvelou se as convocará nesta segunda feira, 18 de maio, no domingo dixo que o fará "máis pronto que tarde" porque se teñen que celebrar "de forma inmediata" para evitar un rebrote da COVID-19.

"Temos que facer eleccións de forma inmediata", manifestou a preguntas da prensa tras participar na videoconferencia entre os líderes autonómicos e o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, onde, tal e como asegurou Feixoo só se falou "de sanidade".

"Ningún presidente autonómico falou de cuestións que afectan a súa comunidade desde o punto de vista electoral", explicou, aínda que dixo "coñecer cales son os tempos electorais" que marca a lexislación, concretamente 54 días entre a súa convocatoria e a votación.

Con este horizonte, o 12 de xullo sería o primeiro domingo posíbel para os comicios, para o que o Diario Oficial de Galicia (DOG) tería que publicar a convocatoria como moi tarde na terza feira, 19 de maio. En caso de optar polo 19 de xullo, Feixoo tería unha semana máis de marxe.

Os grupos da oposición, excepto En Marea, mostraron a oposición a unha convocatoria prematura. 

Comentarios