Feijóo, sobre que Rajoy percibiu 1,5 millóns de euros en sobresoldos: "Non hai novidades para facer unha valoración"

O presidente do goberno autonómico elude opinar sobre as informacións que calculan en máis de 23 millóns de euros os sobresoldos percibidos pola cúpula directiva do PP entre 1990 e 2011. “Cada semana teño que contestar a iso”

Feijóo na conferencia de imprensa
photo_camera Feijóo na conferencia de imprensa

A Asociación de Avogados Demócratas por Europa, que exerce a acusación particular no Caso Bárcenas, fixo estes días públicos os seus cálculos polos cales a cúpula do PP meteu no peto entre 1990 e 2011 máis de 23 millóns de euros. O actual presidente español, Mariano Rajoy, tería percibido millón e medio. Mais para o mandatario autonómico esas revelacións sobre o seu partido non merecen ser explicadas. Nin sequera valoradas ou comentadas. A preguntas de Sermos Galiza após a reunión semana do Consello da Xunta, Núñez Feijóo afirmou: “Cada semana contesto a iso (polo Caso Bárcenas)”. E engadiu: “Non hai novidades para facer novas valoracións”.

O mandatario autonómico limitouse a sinalar que “os xuíces son os que deciden” e, a seguir, acrecentou que “hai moito interese en saber e aclarar” por parte de tod@s “todo o reclacionado con Bárcenas”.

O naval? Almunia

A preguntas dos xornalistas sobre a folga do naval de Vigo, o presidente considera que hai unha “espada de Damocles” pendurando sobre o naval “e que pode poñer en risco todo o sector”. Feijóo emprazou a Almunia, comisario da Competencia da UE, a se “comportar como un comisario responsábel” en referencia ao tax-lease.

"Onte vimos o que o alcalde de Vigo considera todo Vigo...non chegaban para ter un concelleiro do PSOE na cidade"

No que atinxe á manifestación que decorreu esta cuarta feira en Vigo convocada polo alcalde, Abel Caballero, Feijóo optou por minimizar o número de persoas que acudiron á marcha: “Onte vimos o que o alcalde de Vigo considera todo Vigo... e non chega para ter un concelleiro do PSOE na cidade”.

O Consello da Xunta aprobou,entre outras medidas, actuacións que incentiven comprar solo industrial (abaratándoo). A superficie atinxida ronda os 2.500.000 metros cadrados. Tamén deu o visto bo o Consello a destinar 20 millóns de euros ás eléctricas para mellorar o suministro en máis de 60 concellos galegos.

Calendario laboral: Sen San Xoán

Na proposta de calendario laboral de 2014 elaborado pola Xunta hai 12 festivos autonómicos e estatais, alén de 2 de carácter locais. Nove destes 12 festivos caen en sexta feira, sábado ou segunda feira. Non será festivo o San Xoán.

A lista anunciada por Feijóo abrangue estes días: Aninovo, Reis, quinta feira e sexta feira santas, 1 de maio, 17 de maio (Día das Letras Galegas), 25 de Xullo  ("Día Nacional de Galicia", cualificou o presidente da Xunta). Tamén son 15 de agosto, 1 de novembro, 6 de decembro (Día da Constitución), a Inmaculada (8 de decembro) e Nadal.

Dirección de peiteado

O Consello da Xunta tamén aprobou a creación dun novo título de Formación Profesional: Técnico superior en Estilismo e Dirección de Peiteado.

Comentarios