Feijóo: ''Sen persoas como Baltar eu non tería sido presidente da Xunta''

O presidente do Goberno galego foi unha das máis de 3.000 persoas que renderon homenaxe ao ex presidente da Deputación en Expourense. Os discursos de agradecemento ao barón do PP estiveron adobados cos berros de 'Baltar, cacique, Ourense vaise a pique' que viñan de fóra do recinto feiral. E é que non todo foi pleitesía
photo_camera Imaxes cedidas por Jorge M. de la Calle

"Xa saben todos que son un cacique, mais seguen a me votar", dixo un día, que podería ser calquera, o que foi durante 25 anos --1987 a 2012-- presidente da Deputación de Ourense, José Luís Baltar. O cargo herdouno o seu propio fillo, José Manuel Baltar. As denuncias sobre os métodos clientelares do baltarismo cóntanse por ducias, con algunhas tan memorábeis como a entrega de 3.000 euros en billetes de 50 ao alcalde pedáneo de Morgade á saída dun mitin electoral.

Porén, até 3.000 persoas renderon pleitesía ao home que gañou 36 citas nas urnas e que segue a controlar, aínda afastado do bastón de mando, o PP de Ourense. Nunha homenaxe convocada este sábado por varios colectivos sociais e empresariais e conducida polo popular presentador Xosé Manuel Piñeiro, boinas e birretes déronse cita no recinto feiral de Expourense nunha homenaxe á que asistiu máis de media Xunta, desde o presidente, Alberto Núñez Feijóo, @s conselleir@s de Educación --Jesús Vázquez--, Medio Ambiente --Agustín Hernández-- e Medio Rural e Mar --Rosa Quintana--.

Así as cousas, Feijóo pediu a Baltar que se implique na vindeira campaña electoral e, seguramente moi ao seu pesar, dixo ante @s miles de convidad@s que sen persoas coma o patrón xubilado do baltarismo que "eu non podería ter sido presidente da Xunta". Alén d@s presentes --tamén estivo Mario Conde e un grupo de ex alumn@s do ex presidente da Deputación cando era profesor-- houbo adhesións que chegaron en forma de carta, como a do bispo de Ourense, Leonardo Lemos, a do poeta Luis G. Tosar; e un saúda do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín --en 2010 Baltar adiantouse a Feijóo e concedeu unha axuda á RAG a través da Deputación--.

Mais non todo foi pleitesía...
Fóra do recinto feiral, os berros de 'Baltar, cacique, Ourense vaise a pique' daban conta de que non toda a cidadanía ourensá estaba de acordo nin coa homenaxe nin coas prácticas caciquís do barón do PP. Foi un titular na prensa o que fixo saltar os ánimos, 'Ourense despide a Baltar'. "Que Ourense despide a Baltar? Despídeno os caciques de Ourense", sinalou un activista da Asemblea Aberta Ourense, colectivo formado ao abrigo das acampadas do movemento 15M, que convocou unha concentración cadrando coa homenaxe para manifestar o seu rexeitamento.

"O PP ten todo o dereito a facer os actos que queira, mais non a dicir que nos representa a todos porque non é así", reprochou o mozo, que cifrou en ao redor de 50 o número de asistentes, a quen se uniron tamén un nutrido grupo de afectad@s na estafa das participacións preferentes de NovaGalicia Banco. Un cordón policial composto por "case tantos axentes coma nós" velou para que as protestas da cidadanía non entorpecesen o correcto decorrer do evento.

Non houbo incidentes, mais si tempo para darlle lectura a un manifesto en que @s alí concentrad@s ironizaron con entender unha homenaxe "do seu partido e da súa familia, a quen coloca sen aval profesional algún" en postos de traballo dependentes da Deputación, tal e como se lle reprochou en reiteradas ocasións ao baltarismo. Na liña, reclamaron "a nulidade de centos de empregos en fraude de lei", e pediron a intervención da Fiscalía Anticorrupción para que inicie unha investigación ao respecto. E mentres, dentro, agradecementos, apertas e un xantar popular.

Comentarios