Feijóo sae en defensa do seu amigo íntimo Pachi Lucas e di que non está imputado

O presidente négase a dar explicacións e acusa a oposición de estar obsesionada con este tema, o que demostraría, apunta, que Galiza vai ben.

Feijoo conseguidor

Durante os 45 minutos que estivo o presidente da Xunta respondendo ás preguntas na sesión de control no Parlamento nin mencionou o seu nome. O de Pachi Lucas, o ‘conseguidor’ da Operación Zeta, o amigo do seu círculo cercano, sobre o que a oposición preguntou e re-preguntou esta cuarta feira para que Núñez Feijóo explicase a súa hipotética implicación nesta trama de presunta fraude de millóns de euros de cursos de formación. O presidente limitouse a indicar que “esa persoa” da que falaba a oposición nin sequera estaba imputada. Investiu máis tempo e enerxías o presidente en cargar contra os diferentes grupos da oposición.

O portavoz do PSdeG Méndez Romeu lembrou que a Xunta se sumou á investigación da trama tres meses despois de iniciada. "Pregúntolle polo conseguidor: Era recibido en Monte Pío, que non é unha residencia privada". Francisco Jorquera (BNG) dixo que "o señor Lucas (o 'conseguidor') fixo campañas polo PP. Até 6 veces se negou señor Feijóo a dar explicacións. Responda por favor. Se non dá explicacións convincentes, teremos que exixir a súa demisión". "Todo indica que estamos ante unha trama coñecida e consentida, con complicidades ao máis alto nível, e vostede é o máis alto nível". E Yolanda Díaz (AGE) afirmou que "lle gustaría saber se esa amizade con Pachi Lucas serviu para adxudicar contratos a dedo, se serviu para financiar irregularmente ao PP, para saquear os fondos destinados a traballadores deste País. Vai vostede render contas na Cámara ou vai ser nos tribunais onde nos enteremos?"

“Viva a política con maiúsculas”

O presidente da Xunta, lonxe de contestar a esas preguntas optou por acusar, insinuar ou ben deixar caer que todas as formacións tiñan cousas. Pediu un “viva pola política con maiúsculas”, mais optou por xogar enlamando o campo. Para iso voltou a falar dos EREs de Andalucía, lanzou sospeitas sobre o bipartito ou reiterou sobre a CIG acusacións xa desmentidas pola propia central. Todo menos responder sobre o 'conseguidor’. Sobre isto, o máximo que chegou a dicir foi que “ninguén, nin amizade nin parentesco, pode falar por min”.

Comentarios