Feijóo sobre a reforma da Lei do aborto: "Ben paga a pena mellorala"

O presidente da Xunta de Galiza amosouse favorábel a procurar "maior consenso" na tramitación parlamentar da reforma da lei do aborto da que dixo após o Consello da Xunta, "ben paga a pena mellorala".

Alberto Núñez Feijóo situouse esta sexta feira en comparecencia de imprensa acarón das voces máis reticentes do PP co anteproxecto de lei de reforma do aborto.

O presidente do executivo galego --nunca crítico coas decisións do seu partido en Madrid-- asegurou que o texto presentado "ben paga a pena mellorala" e amosouse partidario de procurar "maior consenso" que o actual durante a tramitación parlamentar da medida. 

No entanto, Feijóo non deixou de se aliñar co goberno central do que dixo ten "lexitimidade para regular" se ben, sinalou, a proposta "adoece de unilateralidade". O líder d@s populares galeg@s subliñou que espera e desexa chegaren a "posturas moito máis próximas das que hai agora" porque, dixo, trátase dun "asunto" no que se "mesturan cuestións moi complexas". 

A opinión expresada por Alberto Núñez Feijóo, súmase á do parlamentar popular e presidente de Novas Xeracións, Javier Dorado, quen através da rede social Twitter xa expresou nos últimos días unha voz discordante co ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón. O responsábel da reforma, no entanto, amosouse moi convencido de que a norma non mudará "de principios" durante a súa tramitación, embora atopar co rexeitamento case unánime das forzas da oposición, do movemento feminista e dalgunhas voces autorizadas do propio PP. 

Comentarios