XUNTA

Feijóo reapareceu en Italia nun acto coa Igrexa, á que lle pediu que aproveite os beneficios fiscais

O presidente da Xunta rachou co seu silencio estival para anunciar que organizará “unha importante axenda en homenaxe a San Francisco de Asís polo 800 aniversario da súa visita a Santiago”. Aínda se agardan as súas explicacións sobre o financiamento do PP.

Sumido nun total silencio desde que se coñeceron as contas opacas do PP galego que el lideraba en 2006, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reapareceu nun acto coa Igrexa católica esta quinta feira en Asís (Italia): a inauguración da exposición 'Peregrino e Novo Apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago', organizada en conmemoración dos 800 anos da peregrinación a Compostela do fundador dos franciscanos.

Non respondeu nestas últimas semanas Feijóo ás peticións de comparecencia parlamentar da oposición para abordar o presunto financiamento irregular do PPdeG, pero si falou o titular da Xunta en Italia de que o seu goberno desenvolverá “unha ambiciosa programación que renda homenaxe neste ano a San Francisco de Asís, un dos relixiosos máis importantes da haxiografía mundial”. Nese sentido, insistiu no seu desexo dunha visita do papa Francisco a Compostela, malia que a que organizou para o seu predecesor no cargo vaticano resultou un fracaso.

Feijóo tamén lembrou no seu discurso en Asís que “as actividades enmarcadas na celebración deste acontecemento de excepcional interese público veranse favorecidas polos máximos beneficios de acordo co Réxime Fiscal”, polo que espera que “este incentivo sexa o acicate definitivo para que numerosas organizacións e empresas se sumen a esta celebración”.

Comentarios