Feijóo promete ao naval "cortar chapa en outono" após incumprir todas as súas promesas co sector

O presidente da Xunta di en sesión parlamentar que continúan adiante os contratos con Pemex mais a para-estatal mexicana volveu adiar a licitación dos floteis que xa foran "asinados" en abril de 2012.

naval
photo_camera naval

O presidente da Xunta tivo que facer fronte á "radiografía dun país que se está a destruír", afirmou a vice-voceira de AGE, Yolanda Díaz, durante a sesión de control desta cuarta feira.

Os grupos da oposición bateron contra a xestión económica e fiscal do executivo liderado por Alberto Núñez Feijóo e denunciaron as consecuencias das súas políticas que deixan un incremento "do 70% do desemprego desde 2009" e unha maior presión fiscal para as rendas máis baixas. "É un pésimo xestor", criticou o portavoz do grupo socialista, José Luís Méndez Romeu. 

O BNG denunciou que coa redución do IRPF Feijóo "minte aos galegos e galegas" pois só suporá unha "unha dedución media de 45 euros"

Asemade, o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, denunciou "o engano" da Xunta "aos galegos e galegas ao anunciar a redución dos impostos ás rendas baixas" pois, explicou o nacionalista, "a suba do tramo estatal" anunciada por Rajoy fará á cidadanía "pagar máis" e aliás, "a que se beneficia é a facenda española". 

Feijóo enlámase en novas promesas para o sector naval

As taxas de destrución de empego, nomedamente no tecido industrial, tamén sacaron as cores ao líder do goberno galego. E é que o balanzo destes 5 anos desde que Alberto Núñez Feijóo é presidente deitan "55.500 empregos menos no tecido industrial", sinalou Díaz desde o escano, "1 de cada 4" postos de traballo. Unha realidade, que ao entender de AGE responde "á inacción" da Xunta en materia de política industrial e á "estafa electoral" do goberno galego co sector naval.

O tecido industrial galego perdeu 55.500 empregos desde 2009

A vice-portavoz de AGE, Yolanda Díaz, lembrou a Alberto Núñez Feijóo as súas promesas electorais a respeito do futuro do sector. "Mentiu á cidadanía", espetou Díaz ao tempo que repasou os anuncios do presidente. "En abril [de 2012] anunciou a construción dos floteis para Ferrol e Vigo. O 24 maio eran 14 remolcadores. En xuño 2 quimiqueiros", e así sucesivamente. "Despois dixo que os contratos estaban baixo segredo", após ·soubemos que non hai contratos" e que a para-estatal mexicana, Pemex, non licitará os contratos até decembro. 

"Vai rectificar diante desta mentira", inquiriu Díaz. Ao que o presidente só puido responder poñendo en dúbida "a lexitimidade democrática" da coligación política. "Cando teña algunha novidade, serei o primeiro en dicilo", sinalou Núñez Feijóo ao tempo que asegurou que o seu executivo "continúa traballando" para que os estaleiros galegos "estean cortando chapa en outono". Máis unha promesa. 

O goberno español di que podería revisar o veto á construción naval civil mais Feijóo non aclara se pulará por Navantia

O Estado di que revisaría o veto á construción naval civil

Na súa réplica a portavoz da Alternativa galega acurralou ao presidente da Xunta e inquiriu a Núñez Feijóo a respeito da resposta escrita asinada por un alto cargo do goberno español que desde a administración central asegurou estaren dispost@s a "revisar o veto á construción naval civil" de se cumpriren "uns requerimentos" --que a deputada de AGE non concretou. 

"Que vai facer a Xunta?". Non houbo resposta por parte do presidente que optou por lembrar á tamén líder de Esquerda Unida que "a que minte é vostede" en relación ao conflito iniciado con motivo do escano de David Fernández Calviño. 

Comentarios