Feijóo sobre a emigración xuvenil: “O problema non son os que se van, son os que non nacen”

O presidente responde así á pregunta do BNG no que lle recriminaba a sangría emigratoria que protagoniza a mocidade galega.

Feijoo parlamento pedro puy xunta PP

“O problema non é os [mozos] que se van, é os que non nacen”. Núñez Feijóo respondeu así a Francisco Jorquera, portavoz parlamentar do BNG, cando este lle recriminaba que durante os seus anos de goberno milleiros de mozos e mozas galegas tiveran que emigrar. Unha resposta preocupante polo que deixa ver: se nacesen máis crianzas, non importaría que a mocidade tivese que seguir a marchar do país. “Deixa vostede en herdanza aos mozos a Galiza de perdede toda esperanza”, díxolle Jorquera no debate na sesión de control parlamentar. O nacionalista lembrou que estes anos de desemprego xuvenil, precariedade laboral e emigración fan que os mozos e mozas galegas sexan dos máis pesimistas no que atinxe ao seu futuro laboral.

Feijóo afirmou que hai 10 comunidades autónomas con máis paro xuvenil que Galiza, e que en canto á emigraciçon, “marchaban máis con vostedes”, en referencia ao mandato do 'bipartito', un recurso habitual nas respostas de Feijóo. Defendeu que que a mocidade marche non é “o problema”, senón que é que non naza. Mais se nacen para emigrar, sería problema ou non? Habería que lle preguntar ao mandatario de Monte Pío.

Salarios

A sesión de control comezou coa pregunta do portavoz socialista, Méndez Romeu, sobre as políticas económicas de Feijóo, recriminándolle que “triplicase o endebedamento e dividise por tres o investimento”. O presidente galego respondeun atacando o socialista por “querer que nos endebedemos”.

Chelo Martínez (Cerna), do Grupo mixto, preguntou o presidente sobre se ía adoptar medidas para reverter a realidade salarial dos galegos, cuns soldos medios entre máis baixos do Estado e coa fenda salarial entre mulleres e homes.

Comentarios