Feijóo sitúa na súa mensaxe de Fin de Ano Galiza como "referencia en España”

O presidente da Xunta escolleu unha gardería de Elviña (A Coruña) para un discurso no que dixo que para o país, “como en todas as casas, o fundamental é a estabilidade”, para criticar os que ofrecen “paraísos ilusorios” que se transforman en “frustracións”.

MENSAXE_FIN_DE_ANO_2015_1

A escola infantil de Elviña, na Coruña, foi o escenario escollido polo presidente da Xunta de Galiza para a súa tradicional mensaxe de Fin de Ano. Núñez Feijóo, que se definiu ao comezo do discurso como “este servidor de Galiza”, parabenizou os e as galegas por “deixar atrás traumas do pasado para convertermos nunha sociedade libre, moderna e solidaria”. O presidente, que advertiu que non ía ser un discurso de “cifras e datos”, quixo, segundo as súas mesmas palabras, “ofrecer unha perspectiva que vaia máis alá do vertixinoso acontecer de todos os días”. Posto a iso, o mandatario botou man de lugares comúns (“Galicia é un bo lugar para convivir”, “todos vostedes son protagonistas colectivos dunha fermosa historia, a de Galicia”) e mesmo sacou peito (“Galiza é unha referncia en España”, “Galiza é hoxe un territorio europeo valorado”).

Mais tamén quixo nesta Mensaxe mandar varias 'mensaxes'. Así, afirmou que “sería pouco responsable suxerir que existen fórmulas máxicas para disipar de forma instantánea todos os problemas”. Unha frase á que engadiu que “nada máis reprochable que xogar coas esperanzas da xente, ofrecendo paraísos ilusorios que deseguido se transforman en frustración”. No mundo real non hai paraísos, manifestou, “pero sí marcos de convivencia que permiten solucionar ou paliar esas situacións”. Fronte a iso, Feijóo apelou á estabilidade: “Como en todas as casas, o fundamental é a estabilidade”. Con esa estabilidade, dixo, resolveuse o problemas de déficit; mantivéronse os servizos públicos “e creamos emprego cada día”.  

Comentarios