Feijóo presenta uns orzamentos á alza, 400 millóns de ueros máis, para un ano electoral

O executivo contará con 8.873 millóns de euros nas contas xerais de 2016, un incremento do 4,3% a respeito do exercicio anterior. 

Alberto Núñez Feijóo
photo_camera [Imaxe Xunta]

O presidente da Xunta presentou esta segunda feira o proxecto de Orzamentos para 2016 aprobado en sesión extraordinaria polo Consello. 

O vindeiro ano o goberno galego contará con 8.873 millóns de euros, 364,8 millóns máis que o pasado ano. Para Feijóo as contas que defenderá perante o Parlamento son "realistas" e representan o "camiño evidente cara á recuperación económica". 

Neste senso, subliñou o impacto que terán as reformas fiscais anunciadas durante o debate sobre o estado da nación --entre 140 e 150 millóns, ou o que é o mesmo, un aforro de entre 249 e 380 euros por contribuínte no IRPF. 

Na súa comparecencia de imprensa o mandatario galego tamén subliñou o investimento público en materia social, nomeadamente nalgunha das medidas estrelas que o executivo porá en marcha como o cheque-bebé do que, así as cousas, se descoñece a letra pequena. 

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, explicou que a axuda outorgará 100 euros ao mes por crianza mais non así que familias se beneficiarán nen durante canto tempo. Eses detalles, sinalou, matizaranse "nos vindeiros días". O que si se coñece xa é a contía disponíbel para esta medida que visa promover a natalidade, xunto con outras de conciliación e dinaminzación demográfica para as que o executivo prevé 15,4 millóns de euros. 

En total as políticas sociais suman 282 millóns de euros máis que no período anterior repartidos entre sanidade (+103,3 millóns), educación (+92 millóns) e a Consellaría creada ex-novo que leva o nome de Política Social (69,2 millóns). 

Comentarios