"Feijóo prefire promocionarse dentro do PP a solucionar os problemas galegos"

Feijóo está en campaña, mais en campaña persoal, de auto-promoción. Iso explica por que se prodiga en actos do seu partido en Catalunya, Andalucía e Euskadi. Así o ve Ana Miranda: Feijóo, dixo, "á mínima oportunidade fai as maletas e marcha".

bng
photo_camera Mítin do BNG en Allariz. Foto de Delmi Álvarez.

"Feijóo marcha facer campaña a Catalunya, Andalucía e Euskadi como se aquí non houbese problemas. Parécenos unha falta de respeito para os 300.000 galegos e galegas que non teñen traballo", dixo esta segunda feira a número 1 do BNG a Bruxelas.

Miranda pronunciouse nestes termos en declaracións á imprensa, convocada para cubrir a visita que a candidata nacionalista fixo, na compaña de Xavier Vence, ás instalacións de Feiraco en Ames. Completaba a delegación do BNG a súa portavoz no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila.

Vende xestión Feijóo en Andalucía?

Perguntouse Miranda se Feijóo aproveita as súas visitas eleitorais a Andalucía para "vender" o acordo da UE con Mauritania, un convenio que, denunciou, "permite pescar aos barcos andaluces e deixa amarrados en terra aos cefalopodeiros de Marín". Tamén dixo querer saber, ironizou, se Feijóo se vai gabar en terras andaluzas do gaseiro ao que aspiraban os esteleiros da ría de Ferrol e que finalmente se irá construír en Cádiz.

Para Miranda, Feijóo non perde a oportunidade de "abandonar o país" para "marchar a promocionarse e gañar méritos dentro do PP a costa de Galiza".

Nas instalacións de Feiraco Miranda puxo a esta entidade como "exemplo de cooperativa europea", ao tempo que advogou por "fechar o ciclo do leite en Galiza" con "empresas de transformación que aporten valor engadido, cren postos de traballo e garantan prezos dingos aos labregos e gandeiros galegos".

Comentarios