Sesión de control ao presidente

Feijóo, “orgulloso” do seu papel na reestruturación bancaria: “Volvería facer o mesmo”

BNG e En Marea instárono a explicar que vai facer o goberno galego perante a adquisición do Popular-Pastor polo Santander, unha compra que sitúan no proceso de “luquidación” do sistema financeira galego.

Alberto Núñez Feijóo

Núñez Feijóo “volvería facer o mesmo” respecto da reestruturación bancaria, un proceso que en Galiza se traduciu, lembroulle BNG e En Marea na sesión de control parlamentar, na “liquidación do sistema financeiro galego”. Non o ve así o presidente da Xunta, que se mostrou “orgulloso” do papel do goberno nestes anos.

BNG e En Marea preguntaron a Feijóo sobre a compra por un euro do Popular-Pastor polo Santander. “Gaña a banca e perde Galiza”, resumiu a portavoz nacionalista, Ana Pontón, lembrándolle a Núñez Feijóo que cando el chegou á Xunta existían varias entidades galegas. Caixa galicia, Caixanova, Banco Gallego e  Banco Pastor. “A liquidación do sistema financeiro galego non sería posíbel sen a súa complicidade”, espetoulle Pontón a Feijóo. Preguntou ao presidente sobre se ía facer algo para garantir a permanencia do Pastor, os empregos e defender os miles de pequenos accionistas “estafados”.

De por parte, Luis Villares indicou que coa operación de compra do Popular-Pastor mingua a diversidade financeira en Galiza e “desaparece” un sistema financeiro galego. Acusou Feijóo de non facer nada ao respecto e emprazouno a adoptar compromisos para defender emprego e pequenos accionistas.

O presidente empregou a baza xa habitual nas sesións de control no Parlamento, acusar a oposición de ser responsábel dos problemas polos que se lle pregunta. Así, acusou BNG e PSOE de ser os responsábeis de que as caixas tiveran que ser resgatadas. Amosouse, iso si, partidario de investigar o que aconteceu nas últimas semanas do Popular antes da súa compra. Mais a oposición desconfía pola experiencia vivida na comisión das caixas. “Fala dunha investigación, mais apoiaría unha investigación de verdade? Sen censuras?”, preguntou Pontón.

Comentarios