Feijóo oferece o discurso de fin de ano baixo o paraugas do contrato da Citroën

A posta en escena do discurso de fin de ano do presidente da Xunta perseguía un obxectivo claro: tirar proveito político do contrato da furgoneta K9 obtido pola factoría viguesa de Citroën.

mensaxe04
photo_camera Un momento do discurso


A equipa de asesores de Feijóo elixiu o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galiza, en Porriño, para a escenificación do discurso de fin de ano do presidente da Xunta. O titular do goberno galego deslizou a mensaxe de que o clima criado polo seu goberno -a "estabilidade institucional", contraposta implicitamente ás alternativas da oposición- resultou en éxitos económicos en ámbitos como o da automoción -e aí evocou ás "19.000 familias" que se beneficiarán da fabricación da K9- ou o sector naval.

A escolla non e baladí. Estamos en ano pre-eleitoral e a batalla de Vigo será unha das centrais nas municipais de maio. O PP quer rentabilizar o suceso de Citroën para desprazar a Abel Caballero (PSdeG-PSOE) da Alcaldía.

Foi un discurso triunfalista, con ausencia absoluta de autocrítica. Un discurso tipicamente feijoniano. O seu goberno foi clarividente no limiar da recesión: "Galiza soubo anteciparse con terapias adecuadas cando aínda se dicía que a crise era ficticia", afirmou. E agora o seu goberno volta a acertar, subliñou, cando proclama que xa deixamos atrás o pior dos malos tempos: "Galiza sabe agora aproveitar os indicios de rexurdimento cando aínda teiman algúns en ver un panorama sen esperanza", dixo.

Non podían faltar os consabidos ataques de Feijóo á opción nacionalista e tamén houbo dardos implícitos á emerxente Podemos 

Mais que outro as na manga gardaba Feijóo alén da K9? Nada moi concreto. Unha vaga referencia ao sector naval -"os nosos esteleiros están voltando á carga de traballo"- e a alusión a que en 2014 "batimos o récord de visitantes" no sector turístico, excepción feita do "Xacobeo 2010".

Aliás, Feijóo avanzou que a economía galega poderá medrar en 2015 arredor do 2% e salientou que a débeda pública aumentou na Galiza menos que no promedio estatal. Aquí o presidente da Xunta omitiu dicer que desde que el goberna a débeda pública galega se multiplicou por tres.

Alusión á lingua galega

Non podían faltar os consabidos ataques de Feijóo á opción nacionalista -"ser galego non é ser excluínte, senón incluínte. Resultan difícil de entender os empeños por levantar fronteiras políticas alí onde non hai fronteiras humanas"- e tamén houbo dardos implícitos á emerxente Podemos (Feijóo distinguiu entre a "carraxe" construtiva -a indignación xusta ante a corrupción, veu dicer, aínda que omitiu pronunciar esa palabra- e a "carraxe" que "destrúe sen presentar os planos do novo edificio").

A coda final dedicoulla Feijóo á situación da lingua galega. Foi nun ton autocompracente e paternalista, sen facer ningunha referencia á perda sostida de galego-falantes que se está a producir baixo o seu mandato. E, como ao seu parecer non existe o problema, tampouco ofereceu ningunha solución. Limitouse a expresar que "Galiza é unha lingua" e que "o galego nos enriquece e mesmo nos facilita estar no mundo con boas ferramentas", unha velada alusión á lusofonía.

Comentarios