Feijóo, a Jorquera: "O seu modelo é Bildu". Jorquera, a Feijóo: "A privatización trae corrupción"

O presidente da Xunta de Galiza evitou responder ás preguntas orais formuladas polos grupos da oposición atacando @s voceir@s cos "seus socios de goberno" noutras latitudes. Feijóo atacou o BNG co argumento de que o modelo dos soberanistas galegos é Bildu. Jorquera retrucou que as políticas privatizadoras son o caldo da corrupción en que agora anda mergullado o PP.
Feijóo
photo_camera Feijóo

Catalunya, Andalucía ou mesmo a Comunidade Autónoma Vasca centraron máis as respostas de Alberto Núñez Feijóo esta mañá no Pleno do parlamento que as cuestións polas que foi inquirido. Porén, o presidente da Xunta tivo tempo até para acusar ao bipartito de "emitir as preferentes" [as participacións preferentes foron reguladas polo Goberno Aznar].

"A vosa patria é Cuba, a nosa Euskadi", berraba Xavier Arzalluz interpelando á extinta Herri Batasuna nun mitin hai máis dunha década. As verbas do presidente da Xunta lembraron as do jeltzale cando se dirixiu ao voceiro do BNG, Francisco Jorquera, nestes termos: "O seu modelo é Bildu, señor Jorquera; o meu é Galiza".

Malia a resposta de Núñez Feijóo o certo é que o nacionalista lle preguntaba pola situación económica e social de Galiza após catro anos de mandato do Partido Popular. No entanto, Feijóo obviou respostar ás acusacións de Jorquera, quen salientou que a privatización dos servizos públicos implementada pola dereita española e galega crea "o caldo de cultivo" para "o tráfico de influencias" do que emanan as tramas de corrupción nas que se atopa inmerso un bo número de militantes do PP.

Ábrese a veda da corrupción política

A corrupción foi argumento central no discurso dos grupos da oposición. Erguíase así un tema vedado durante as anteriores lexislaturas. Porén, as respostas do presidente da Xunta non contentaron a unha oposición que ficaba abraiada perante as aseveracións dun Núñez Feijóo agresivo e belixerante. Recuncou o líder d@s populares até a saciedade na lea de cifras que manexa desde a campaña electoral e teimou en presentar a taxa de desemprego en Galiza como "máis baixa que a media do Estado" e "a cuarta que menos se incrementou" a respecto dos demais territorios do Estado. As perto de 300.000 persoas sen traballo na Galiza non ocuparon moito espazo no discurso presidencial, pois son menos que "no resto de España".

Aliás, Alberto Núñez Feijóo lanzou unha proposta ao líder d@s socialistas, Pachi Vázquez emprazándoo a exercer tamén de líder da oposición con "propostas construtivas". O presidente da Xunta teima nos últimos días en levar de novo ao seu rego ao PSdeG e evitar que este siga "as algaradas dos demais", asegurou Feijóo en clara referencia a BNG e AGE.

Comentarios