A Feijóo Bárcenas cáusalle repugnancia. A Conde Roa nin o nomea

Conferencia de imprensa de Feijóo após a reunión semanal do Consello. Sermos Galiza perguntou directamente ao titular da Xunta se Conde Roa lle causa tamén repugnancia (Feijóo dixo onte literalmente: "Bárcenas repúgname"). O presidente do Goberno galego eludiu situar a Conde Roa á altura de Bárcenas. En realidade, a Conde Roa nin o nomeou. Si dixo que "o que pasa en Santiago" non é normal.
Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Alberto Núñez Feijóo

Feijóo deixou a mensaxe de que os seus compañeiros de partido no concello de Santiago terán de dar explicacións e pedir desculpas, porque o que está a pasar, admitiu, "non é normal". Segundo o presidente do executivo galego "teremos que estar atentos" ao decorrer das investigacións "para tomar as decisións oportunas", porén, Núñez Feijóo eludiu tomar parte nos acontecementos desta quinta feira e non quixo posicionarse a respecto de se exixirá demisións na administración local. 

Feijóo: "O que acontece no Concello de Santiago non é normal, teremos que estar atentos"

Os feitos producidos hoxe coa detención de catro persoas en Santiago de Compostela amais do rexistro na morada do ex alcalde Gerardo Conde Roa, aumentan a presión sobre Feijóo e véñense a se sumar aos últimos movementos xudiciais nas filas do Partido Popular, entre elas, o procesamento do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez (ex alcalde de Arnoia). No entanto, o líder d@s populares quixo sacar ferro ao asunto apelando a outros concellos --de maneira velada ao de Lugo cuxo rexedor, o socialista López Orozco, tamén foi obxecto de investigacións xudiciais-- cun tallante "tampouco me parece normal o que acontece noutros concellos". 

En resposta á cuestión achegada por Sermos Galiza a respecto de se o presidente da Xunta se amosaba igualmente "repugnado" polo acontecido en Compostela, como si o manifestou do caso Bárcenas, Núñez Feijóo non se quixo pronunciar e insistiu en considerar que "non é normal" o número de imputacións producidas na localidade. Porén, acrecentou "hai que agardar". 

O finiquito de Bárcenas 

O vice-secretario de organización do Partido Popular en Génova, Carlos Floriano, recoñeceu o pagamento dun finiquito prorrateado ao seu ex tesoureiro, en concepto de indemnización por despedimento improcedente e máis da Seguridade Social tal e como se fixo público esta quinta feira, "un pagamento a prazos, iso é o que hai", aseverou o vice-secretario. Segundo Floriano isto non constitúe "fraude de lei", como tampouco o sería segundo o popular o pagamento da Seguridade Social sen existir relación laboral. O presidente da Xunta de Galiza eludiu pronunciarse ao respecto após o Consello da Xunta. No entanto asegurou ter "a mesma opinión" que amosou a pasada cuarta feira no Pleno do Parlamento. 

Comentarios