PARLAMENTO

O PP evita que o presidente explique, como lle solicitaba a oposición, o impacto na Galiza dos recortes do Goberno español

Nacionalistas e socialistas critican que o presidente evite dar conta do impacto na Galiza das medidas de axuste
Parlamento da Galiza
photo_camera Parlamento da Galiza

Feijóo non comparecerá no Parlamento galego para explicar as medidas de axuste e recortes adoptados polo Goberno español e os seus efectos na Galiza. Unha cuestión de base en calquera democracia (comparecer na cámara que acolle as persoas que representan a cidadanía) foi rexeitada polo grupo parlamentario do PP, que botou así abaixo a petición conxunta de BNG e PSOE.

 A portavoz do grupo parlamentario do BNG, Ana Pontón, lamentou que o grupo do PP se opuxese á petición de comparecencia e afirma que o presidente da Xunta non pode seguir facendo ouvidos xordos a este clamor nin á voz dos cada vez máis numerosos organismos internacionais que tamén alertan sobre a “trampa da austeridade” e sobre o “fanatismo” dos recortes e do control do gasto público, como medidas que só traen consigo máis afondamento na crise.

A parlamentaria reiterou que os reais decretos aprobados polo goberno do Estado son un ataque sen precedentes aos dereitos sociais e ao autogoberno, “e o mínimo en democracia –dixo- é que o presidente da Xunta explique en sede parlamentar uns feitos tan graves”. Pontón anunciou, ao mesmo tempo, que aproveitará a próxima sesión de control ao presidente para dar voz ao “clamor social” que está a reclamar un cambio de rumbo nas políticas de Feijóo, que permita a creación de emprego e saír da situación límite en que están vivindo gran parte dos sectores produtivos do País.

Ana Pontón, na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces, lembrou que o BNG leva tempo advertindo sobre as consecuencias da “política suicida” do PP, que está a provocar uns niveis alarmantes de desemprego,insoportábeis para calquera sociedade, e a ruína do tecido produtivo galego. “Nós xa lle dixemos que era necesario un cambio de rumbo –engadiu- pero cada vez llo está a dicir tamén un maior número de cidadáns, como os milleiros de persoas que saíron onte á rúa, o 1 de Maio, para reclamar un posto de traballo digno”

Fóra da realidade

A voceira nacionalista lamentou que mentres Feijóo e o PP “ningunean” a Cámara e “foxen” do control parlamentar para poder sacar adiante estas novas medidas de recortes pola “porta de atrás”, as comparecencias previstas polo goberno sexan do conselleiro da Presidencia, para falar da racionalización da administración, e do conselleiro de Medio Ambiente e Infraestructuras, para falar de rehabilitación.

 “Está claro que este goberno vive fóra da realidade e que os problemas que verdadeiramente preocupan á maioría social do país, como o paro, as restricións en sanidade, en educación... non forman parte da súa axenda”.

Comentarios