Feijóo non se explica e Crespo advirte, "que todos saiban, a xuíza vaino saber todo"

O presidente da Xunta rexeitou até en 6 ocasións esclarecer a súa relación con 'Pachi' Lucas cando lle preguntou a imprensa. 

Arriba: Rueda, Pachi Lucas e Bello Janeiro. Diante: Rajoy, Feijóo e Louzán. Foto: El País
photo_camera Arriba: Rueda, Pachi Lucas e Bello Janeiro. Diante: Rajoy, Feijóo e Louzán. Foto: El País

As roldas de imprensa posteriores aos Consellos da Xunta acostuman ter maior interese polas cuestións de actualidade que polos anuncios do xefe do executivo. E esta quinta feira (30 de outubro), aínda máis. 

Após coñecerse a estreita relación que une a Alberto Núñez Feijóo con Pachi Lucas, os medios de comunicación dirixiron as súas preguntas cara ao líder do goberno galego para esclarecer que grao de amizade posúen e, sobre todo, a que se deben as mensaxes de texto en que Pachi Lucas aseguraba que Feijóo sería "chave" no encerramento dalgúns dos contactos que mantivo o 'conseguidor' da Operación Zeta con altos cargos do PP e da Xunta. 

Porén, embora foi inquirido até en 6 ocasións por diversos medios, Núñez Feijóo, non contestou e limitouse a afirmar que "a efectos de sumarios non hai amigos nen inimigos, dáme exactamente igual quen estea na investigación. Non hai diferenciación entre uns e outros, non hai distinción coas leis". Mais o xefe do executivo non explicou se coas súas aseveracións se refería ao seu amigo Pachi Lucas ou ao militante de Alianza Popular e do Partido Popular, Gerardo Crespo. Ou aos dous. 

Feijóo di que a mensaxe de texto na que 'Pachi' Lucas o sinala como "chave" está "manipulada"

Iso si, Feijóo deixou caer nas súas declaracións que segundo lle "contaron" --non especificou quen-- a mensaxe na que sae nomeado como "chave" e que aparecen recollidas no sumario da Operación Zeta, podería estar "manipulada", argüíndo que faltarían por dar conta de folios intermedios da investigación. 
 

O PP víralle as costas a Crespo

Alberto Núñez Feijóo desmárcase así de calquera indicio que poida mesturar con algunha das persoas que aparecen na trama e que estarían supostamente involucradas nun caso de fraude vencellado a 20 millóns de euros públicos procedentes da administración que goberna. De igual maneira actuou a conselleira de Traballo na sesión parlamentar do 29 de outubro. Beatriz Mato dixo que tanto Crespo como @s demais persoas investigadas "enganáronnos a todos". Un engano que tería ocultado mesmo sendo un activo militante do Partido Popular e con anterioridade de AP. "Desde os 18 anos" aclarou o propio Crespo nunha entrevista concedida ao diario La Opinión da Coruña.

Na súa conversa, Gerardo Crespo desvela que lles fixo "favores a moitos", en relación con altos cargos do Partido Popular que, agora, lle viran as costas. Neste senso afirma sentirse traizoado pola dirección do seu partido e lamenta que desde a Xunta non "rebata" aquelas voces que negan a execución dos cursos de formación polos que percibiu máis de 20 millóns de euros públicos. "Fan uns controis tan exhaustivos que en Galiza é imposíbel que ninguén faga un curso falso de formación", afirma. 

Porén, Crespo sinala que o goberno galego tenta "salvar o seu pelexo" polo que tería cancelado xa en xaneiro de 2014 "uns programas integrais de emprego" que lle foran adxudicados, logo de coñeceren que a policía estaba a investigar a Crespo e outros imputados na Operación Z. "Impórtalles un cogombro o prestixio da Xunta e o noso con tal de salvar o seu pelexo", acrecenta. Asemade, di ter "probas" de que o executivo de Núñez Feijóo era coñecedor das investigacións desde xaneiro deste ano. 
 

Crespo advirte: "A xuíza vaino saber todo"

Mais a cousa non fica aí. Após virárenlle as costas desde o seu partido, Gerardo Crespo está decidido a falar de tod@s. Tamén de Carlos Negreira, alcalde da Coruña, de quen di xunto con outr@s líderes políticos que son "uns indesexábeis". 

A respeito dunha hipotética financiación ilegal do Partido Popular através das súas empresas, Gerardo Crespo rexeita responder á pregunta e di que o aclarará "meridianamente" e "transparentemente" diante da Xustiza. "Mais que fique claro, que todo o mundo saiba, que a xuíza o vai saber todo", sentencia. Será unha advertencia?

Comentarios