Feijóo finxe ignorar que os comedores escolares se poden financiar gravando máis as rendas altas

O presidente da Xunta defende a ampliación do copagamento nos comedores escolares a 20.000 escolares máis o vindeiro curso e e defende que con esa medida evitarase que os parados financien a comida de nenos cuxos pais traballan. Finxe ignorar que o lóxico é que os servizos públicos sexan universais e se financien vías impostos, gravando máis a aqueles que máis teñen.
Comedor escolar

O presidente da Xunta defendeu o copagamento nos comedores escolares. Con vehemencia. Mesmo afirmando que "cambiamos o sistema de cobro nos comedores para facelo máis equitativo". O novo sistema implica que por volta de 20.000 alumnos pasen a pagar o vindeiro curso por este servizo. "O que era gratuíto, vai seguir sendo gratuíto; e o que era  máis barato, seguirá sendo barato" sentenciou Núñez Feijóo nesta quinta feira. Defendeu o mandatario autonómico que co pagamento "o 60% dos nenos non pagarán comedor". Unha porcentaxe que actualmente atinxe o 90%.

Feijóo asegurou que a decisión de estabelecer o copagamento parte da filosofía de que "pague máis o que máis teña" e, asegurou, esta aposta do goberno popular vai evitar "que co diñeiro dos parados se financie a comida de nenos cuxos pais traballan". Mais o novo sistema vai obrigar a pagar igual pola comida do seu fillo a unha nai que cobre 1.500 euros ao mes que a un Amancio Ortega.

Aliás, unha de cada catro familias pasarán a pagar xa no vindeiro curso o baremo máis alto (81 euros/mes por fillo) por este servizo. E nese grupo darase unha gran diferenza de ingresos. Nada a ver co que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, califica de "redistribución" e "progresividade". 

Contra o ensino público

Sindicatos e Anpas critican unha decisión que, entenden, vai contra o propio dereito a un ensino público. O comedor escolar é indispensábel para garantir o dereito á educación dos nenos que teñen que utilizar o transporte público para a recibir. Unha situación nada rara nun país como Galiza, cun alto garo de dispersión poboacional. "Se obrigamos a pagar a eses nenos polo comedor, estamos a atacar o seu dereito á educación", sosteñen desde CIG-Ensino.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios