Sesión de control

Feijóo gábase de “devolver a equidade ás peaxes” da AP9

Defende a xestión do seu goberno no que atinxe á autoestrada e criticou as propostas dos nacionalistas opara resgatar da autoestrada. Luis Villares (En Marea) denunciou o colapso da sanidade pública coas políticas do PP e Fernández Leiceaga (PSdeG) criticou o desleixo da Xunta a respecto do financiamento.

Feijóo parlamento

Volveron ao Parlamento as sesión de control ao presidente após o parón de Nadal. Infraestruturas, financiamento e colapso de urxencias foron as cuestións que desde a oposición se puxeron sobre a mesa para que o presidente as respondera. A primeira, Ana Pontón BNG), enumerou unha serie de cuestións chaves (corredor atlántico, AP9, ferrocarril…) nos que considera que o goberno galego non está a defender os intereses de Galiza. Non gostou Núñez Feijóo dos reproches e defendeu a xestión do seu goberno, mesmo gabándose de “devolver a equidade ás peaxes de Galiza”. Unha frase que dita un día despois de coñecer que Fomento suprimirá a peaxe de Rande mais repercutirá o seu custo no resto de persoas usuarias non deixa de ter  seu aquel.

Pontón instou o presidente a “pensar en Galiza e non nos beneficios de Audasa” e animou o presidente a dicir a Mariano Rajoy que se ten cartos para resgatar as radiais madrileñas tamén pode facelo coa AP9”. Un “subordinado de Rajoy”, definiuno Pontón. O presidente pasou ao ataque (a facer oposición da oposición, como lle reprochan habitualmente desde as bancadas de En Marea, PSdeG e BNG) e acusou os nacionalistas de propor “disparates económicos”.

Financiamento

Foi despois a quenda do portavoz do PSdeG, Fernández Leiceaga, que volveu preguntar sobre unha das súas cuestións predilectas: o financiamento autonómico e a importancia para Galiza. Reprochou a Feijóo que non actuase perante decisións lesivas para o país, como o recálculo das entregas a conta,”que nos fan perder 321 millóns de euros”.

“Pelexe polos intereses de Galiza e non polo trono dun líder á baixa”, espetoulle Leiceaga a un Feijóo que defendía as decisión dos goberno central ao tempo que poñía en valor a política económica da Xunta: “Somos a autonomía onde menos medrou a débeda pública”.

Sanidade

O colapso dos servizos de urxencias foi o tema que motivou a intervención de Luis Villares (En Marea), que acusou Feijóo de ser un “pesimo xestor” e de liderar unha política de recorte na sanidade pública. O que esdtá a pasar estes días en Urxencias coa vaga de gripe debe de entenderse dentro dos “recortes en persoal e gasto público” que a Xunta leva protagonizando nestes anos.

“Eliminaron 1.705 prazas de persoal sanitario”, díxolle Villares a Feijóo, ao tempo que afirmaba que as “prioridades do PP non coinciden coas prioridades da  xente”. Lembrou que os recortes en gasto real en sanidade foron de 18% e defendeu unha sanidade pública galega. Feijóo negou as acusacións e cargou contra a persoa do portavoz de En Marea, ao que acusou de basear as súas intervencións quer en “descoñecemento” quer en “demagoxia”.

Comentarios