O vlogue de Xosé Mexuto

Feixóo procuraba apoios en Madrid e só atopou "ruído de sabres, fotos e dossieres"

O director deste diario dixital dedica a última entrega do seu vlogue a analisar as razóns que levaron Feixóo a dar un paso atrás na carreira sucesoria no PP estatal.

"Feixóo tiña un plan e ese plan fracasou", afirma Xosé Mexuto, para quen o presidente da Xunta renunciou a competir pola herdanza de Raxoi cando viu claro que non tiña suficientes apoios para "chegar a Madrid como o mesías que redimiría o PP do pecado da corrupción". "Unha vez comprobado que non tiña os apoios, Feixóo, derrotado antes de comezar a carreira, anunciou que non continuaría [nas primarias]", engade o director do Sermos dixital.

No canto de receber apoios -ningunha voz relevante se alzou para pedir a Feixóo que asumise o liderado do partido- Feixóo o que achou en troca foi ruído. "Ruído de sabres, de fotos, de dossieres", engade Mexuto.

Ao testar o fracaso do seu proxecto, Feixóo fica na Galiza, na súa zona de conforto, onde dispón da protección dun "cinto mediático" do que carece "calquera outro dirixente político na península". "E iso", reflicte Mexuto, "debería preocuparnos: por que a democracia galega ten un déficit, por que a democracia galega permite que triunfe o que en Madrid non aguantaría nen dous telexornais?".

Comentarios