Feijóo fracasa no seu intento de envolver Besteiro e fica só, acosado pola corrupción

Fracasou a estratexia do PP galego: o PSdeG non lle vai entregar un cheque en branco. Non houbo balón de oxíxeno de Besteiro a Feijóo.

cimeira
photo_camera Besteiro e Feijóo. Foto: Xunta.es

Acosado polas fotografías de Pachi Lucas, o seu íntimo amigo e peza chave na Operación Zeta, Feijóo tiña depositadas certas esperanzas na súa cimeira con Besteiro, o secretario xeral do PsdeG.

Non só as tiña depositadas o presidente da Xunta, tamén parte da imprensa sistémica -a comezar polo diario hexemónico- desenvolveron nos últimos tempos unha campaña para criar unha atmosfera proclive ao entendimento dos partidos do réxime bipartidista, a única forma, argumentaban, de frear o soberanismo e o populismo (retrouso este co que invariabelmente se referen a Podemos).

A fontanaría de Monte Pío preparou a reunión cun obxectivo: que ao termo da reunión, os líderes comparecesen perante a imprensa para anunciar a feliz nova dun pacto contra a corrupción

A fontanaría de Monte Pío preparou a reunión cun obxectivo: que ao termo da reunión, os líderes comparecesen perante a imprensa para anunciar a feliz nova dun pacto contra a corrupción. Non houbo tal. E non o houbo porque Besteiro lle puxo condicións a Feijóo incumpríbeis por este. Primeira, que o pacto inclúa máis partidos. Segunda, que se lle dea cancha tamén aos axentes sociais. E terceiro, que Feijóo compareza no Parlamento para dar conta dos escándalos que atinxen o seu partido en xeral e a el en particular.

Contrariado pola actitude de Besteiro, Feijóo -que non obtivo a blindaxe que aguardaba conseguir do PSdeG-PSOE- non estivo nada diplomático perante as e os xornalistas e non dubidou en atacar o secretario xeral da formación socialdemócrata co argumento de que acudiu á reunión -que decorreu por espazo de máis de tres horas- sen ningún tipo de propostas.

Comentarios