Feijóo apela á "presunción de inocencia" de Vence e Lobeira a pesar de que van como testemuñas

A Audiencia Nacional chamou os dirixentes do Bloque Nacionalista Galego a declarar en calidade de testemuñas. Non hai ningún cargo formulado contra eles. Porén, esta quinta feira o presidente da Xunta, inquirido polos meios, apelou á súa presunción de inocencia.

Feijóo. Consello. 26 novembro 2015
photo_camera Foto: Xunta

En declaracións a Sermos Galiza, o secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira, atribuiu esta cuarta feira a citación da Audiencia Nacional a unha "decisión política". Nese plano, no da controversia política, é imposíbel non situar as declaracións realizadas esta quinta feira polo presidente da Xunta. Perguntado polos meios ao respeito, Feijóo quixo apelar á "presunción de inocencia" dos dirixentes do BNG. Esta é unha fórmula que se utiliza cando nun proceso xudicial hai cargos formulados. Non ten sentido utilizala cando do que se trata é de comparecer como testemuñas. Non ten sentido xurídico, teno exclusivamente político.

En declaracións recollidas por Europa Press, Feijóo enfatizou que el mantén a mesma postura -a de defender a presunción de inocencia- con independencia da cor política da persoa envolvida en causas xudiciais.

"Pola miña parte, teñen a mesma presunción de inocencia do que calquer outro e, por tanto, non me vou pronunciar de forma diferente a como me pronunciei cos casos de outros dirixentes políticos(...) Se estes dous dirixentes son chamados como testemuñas, correspóndelles a mesma presunción de inocencia e de respeito á lei". dixo Feijóo.

Tampouco evitou entrar na liorta política sobre este asunto a presidenta do Parlamento

Tampouco evitou entrar na liorta política sobre este asunto a presidenta do Parlamento. Para Pilar Rojo, o BNG falta ao respeito ao poder xudicial ao dicer que "se lles quere prexudicar" por citar os seus dirixentes a prestar declaración.

No mesmo ton que Feijóo -no que ten todo o aspecto de ser unha estratexia política perfeitamente coordenada-, Rojo dixo: "Resulta que cando van á Audiencia Nacional e desfilan membros de outros partidos políticos é porque todos son corruptos, pero cando desfilan os dun partido se lles quere prexudicar". Equipara así a presidenta do Parlamento o xulgamento por corrupción de cargos políticos -basicamente do seu partido- a citación en calidade de testemuña de dous dirixentes contra os cais non existe ningunha acusación formulada.

Comentarios