Feijóo evita aclarar se vai ser candidato á Xunta en 2016

Considera, nunha entrevista en La Voz, que pronunciarse agora sobre ese tema sería “un acto de soberbia”. O presidente fala de Bárcenas, mais nin unha palabra de Marcial Dorado ou Pachi Lucas.

feijoo

Núñez Feijóo evita falar sobre se recuncará en 2016 como candidato do Partido Popular á Xunta de Galiza. Preguntado na entrevista en ‘La Voz de Galicia’ polo xornalista G. Bareño sobre se volverá presentarse, Feijóo evitar pronunciarse. Afirma que haberá eleccións en 2016 mais que dicir agora se vai ser candidato ou non sería “un acto de soberbia”. Antes, di, cómpre un proceso de reflexión do PP e de el propio. Feijóo non dá un paso sen medir as consecuencias que responder a esa pregunta (volverá presentarse á Xunta) pode ter en Madrid, onde moitos dan por certo que non recuncará e que Feijóo pasará a xogar un papel -de gañar os comicios xerais o PP- no executivo de Mariano Rajoy.

De feito, e ao longo da entrevista, Feijóo deixa explícita a sintonía total co mandatario español. Até o punto de que ambos os dous pactaron os candidatos do PP para as cidades galegas xa hai varios meses nunha das comidas ‘de axenda privada’ que realizan periodicamente.

Corrupción

Feijóo tamén se pronuncia sobre outros partidos e amosa as súas preferencias por Susana Díaz (“ten mensaxe constitucional”) fronte Pedro Sánchez. Tamén di que a quen debe preocupar Podemos e a aquelas formacións que perden votos e apoios en favor da organización de Pablo Iglesias, asegura que unha das cousas das que máis orgulloso está é que “cando Galiza fala nos foros nacionais agora ténselle en conta”.

No tema da corrupción o único tema tratado na entrevista é o de Bárcenas. Cuestións ‘espiñentas’ para o presidente galego como as fotografías co narco Marcial Dorado ou a trama de ‘Pachi’ Lucas non merecen nin unha palabra.

Comentarios