#DEBATENACIONGZ14

Feijóo eludiu demandar máis autogoberno e centrouse na suposta melloría da economía

A estratexia de Monte Pío no debate foi a de vender que o país está mellor que hai un ano.

Parlamento

Feijóo sobrevoou todo o que puido a cuestión nacional no debate sobre o estado da nación galega. Apenas o tratou no discurso, só para reiterar o seu compromiso coa unidade do Estado, non se antes, e de forma praticamente inédita, admitir que España fora inxusta en ocasións con Galiza. O presidente da Xunta quixo oferecer aquí un perfil autonomista, e até deslizou críticas ao Goberno Rajoy. Mas en nengún caso formulou nengunha proposta de elevación do teito competencial de Galiza.

No debate, de facto, foi directamente interpelado por Francisco Jorquera a respeito da nula vontade da súa administración para alargar o autogoberno. O portavoz do BNG chegou a pór sobre a mesa un dado sumamente elocuente. Desde que é presidente do goberno, o Estado -segundo as estimacións de Jorquera- fixo 64 transferencias ás comunidades autónomas. Delas, 14 a Euskadi, 9 a Catalunya e “cero a Galiza”.

Para o BNG, isto mostra que o goberno de Feijóo non é que careza de ambición nacional, é que nen sequer se pode considerar como autonomista.

Que se votou en Escocia?

Feijóo contraatacou dicendo que Galiza ten máis autonomía que Escocia e dando a entender que o que o votaron os escoceses o 18-Setembro foi ter máis ou menos autogoberno (en realidade, responderon a unha pergunta directa, pactada con Londres, sobre se Escocia se constituía ou non nun Estado independente).

A diferenza de Rajoy, Feijóo e o seu grupo de estrategas están convencidos de que o expediente económico si lles resulta vendíbel en termos eleitorais. Feijóo apelou ás estatísticas do desemprego para tentar demostrar que Galiza está mellor que hai un ano e que mesmo, en termos de pobreza, está mellor que España.

A oposición retrucoulle que as súas cifras son propaganda e que o seu goberno carece dun proxecto económico solvente que permita a recuperación real da economía e a criación de emprego.

Propostas de resolución

Os grupos parlamentares apresentarán esta cuarta feira, en roldas de imprensa, as súas propostas de resolución neste debate, que concluirá mañá quinta feira precisamente co seu debate e votación.

Comentarios