Feijóo elude responsabilidades e di ter recibido "presións" do Banco de España e o Goberno de Zapatero na fusión das caixas

O presidente da Xunta de Galiza compareceu esta sexta feira na comisión de investigación das caixas. Alberto Núñez Feijóo asegurou non ter ningunha responsabilidade no desmantelamento do sector financeiro galego mais tampouco, na estafa das preferentes nin nas indemnizacións dos ex-directivos de NovaCaixa Galiza

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galiza
photo_camera Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galiza [Imaxe: SG]

O líder do executivo galego responsabilizou ao Banco de España e ao Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero do desmantelamento do sistema financeiro galego. Aliás, Alberto Núñez Feijóo denunciou "presións" por parte dos mesmos que se resistían, asegurou, a un proceso de fusión apoiado pola práctica maioría d@s galeg@s. 

Aliás, o presidente da Xunta de Galiza eludiu a responsabilidade do goberno galego na fraude das preferentes e nas millonarias indemnizacións dos ex-directivos das caixas nas que dixo "non ter competencias" embora calificalas de "reprobábeis" e "discutíbeis".

Alberto Núñez Feijóo gabouse na súa comparecencia da xestión política da Xunta que, di, "permitiu o mantemento dunha entidade financeira galega". Porén, os grupos da oposición retrucáronlle cun "até cando?", como inquiriu o portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Francisco Jorquera en relación coa inminente venda de NovaGalicia Banco a un banco ou fondo de investimento estranxeiro.

A estafa das preferentes responsabilidade "da mala comercialización"
Para o presidente da Xunta, o calote das participacións preferentes e subordinadas non é responsabilidade da administración galega "nin do bipartito" nin dos sucesivos gobernos do Partido Popular. No entanto, nin a oposición nin as Plataformas de afectad@s por este calote partillan a opinión do líder do executivo e lembráronlle a Núñez Feijóo que foi unha lei de 2003 --durante o goberno de José María Aznar-- cando se autorizou a comercialización deste tipo de produtos híbridos de carácter fraudulento. 

Así as cousas, Feijóo atribuíu a "unha mala comercialización na maioría dos casos" a estafa que atinxe a 80.000 aforrador@s galeg@s. Asemade, afirmou que este "problema" deu boa conta "da deriva das caixas e da súa clamorosa ausencia de supervisión". Núñez Feijóo, neste senso, acusou ao supervisor do Banco de España de actuar "máis como un político" que como un supervisor. De maneira velada, o presidente da Xunta insinuou que as actuacións deste responderían á aplicación dos mandatos do goberno de Madrid, naquela altura en mans do PSOE. 

As indemnizacións dos ex-directivos das caixas
O presidente da Xunta de Galiza, declinou boa parte das responsabilidades do desmantelamento do sector financeiro galego na cúpula das extintas caixas. Núñez Feijóo, deitou, aliás, a responsabilidade do seu mantemento á fronte da entidade financeira resultante da fusión (NCG) nunha "condición inescusábel" imposta polo Banco de España para dar luz verde ao proceso. No entanto, a reforma da lei de caixas pactada entre populares e socialistas permitiu que os ex-directivos de Caixa Galicia e Caixa Nova se mantivesen á fonte de NovaCaixa Galiza após a fusión. 

"Esa prórroga transitoria", afirmou Joquera en relación ao termo empregado polo voceiro do PP, Pedro Puy, "serviu para mudar os contratos e mellorar as condicións das súas indemnizacións" nun exercicio, dixo, de “toma el dinero y corre”. 

Comentarios