Feijóo, disposto e recortar o Parlamento el só porque ''é unha promesa eleitoral''

Malia sinalar que seguirá coas conversas coa oposición, xa lles lanzou un órdago: "deben acatar os resultados das urnas". Segundo o mandatario galego, após a maioría eleitoral que conqueriu o 21 de outubro, a reforma da Cámara "vén tendo unha condición similar á dun referendo"


O PPdG está disposto a recortar o número de escanos que actualmente ten o Parlamento galego aínda que as outras tres forzas da oposición estean en contra. Recoñeceuno esta quinta feira o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a rolda de imprensa posterior ao Consello da Xunta, onde argumentou que a formación conservadora "ten a obriga de cumprir os seus compromisos eleitorais" e rebaixar a cifra de deputad@s até aquela impar máis baixa das permitidas polo Estatuto galego "é unha promesa eleitoral".

Após a vitoria nas urnas o 21 de outubro que lle deu a maioría absoluta na Cámara malia ter recibido unicamente un de cada catro votos a favor de todos os emitidos, Feijóo considera que todas as medidas que colocou no seu programa "veñen tendo unha condición similar á dun referendo" e "todos os demócratas teñen a obriga de prestar atención ao que os cidadáns demandan".

A proposta coa que o PPdG concorreu aos comicios contemplaba tamén, por achegar máis un exemplo, a vía da arbitraxe para as máis de 80.000 persoas estafadas polas participacións preferentes de Novagalicia Banco. Porén, non parece que vaia saír para adiante pois, polo de agora, unicamente se habilitou para dous de cada dez casos e hai 60.000 familias agardando por unha solución. 

Con todo, e malia que na xuntanza realizada esta mesma quinta feira cos grupos de AGE e PSdG ambos os dous se mostraron en conta da redución de escanos --o BNG xa rexeitou manter un encontro con Pedro Puy e fixo unha proposta para confrontar a do PPdG, Feijóo insistiu en que "intentaremos facelo co apoio dos outros grupos" mais deixou caer que "deben acatar os resultados das urnas". 

Cobrar o IBI á Igrexa ''non lle interesa a ninguén''

A enquisa do Centro de investigacións sociolóxicas (CIS) vén de revelar que unicamente o 16% da poboación galega aproba as políticas que o PPdG e o seu presidente Feijóo, desenvolveron na lexistatura anterior e que marcaron a folla de ruta para a actual. "Todos os políticos estamos submetidos a valoración constantemente e acepto, e de bo agrado, o resultado", explicou o mandatario galego nun primeiro momento. Con todo, acrecentou: "coincido cos enquisados en que a prioridade é o paro". 

Á mesma enquisa recorreu para quitarlle importancia á demanda debatida a cuarta feira na comisión de Economía a proposta de AGE para que a Igrexa católica pague o IBI: "é un asunto bastante antigo que se formula periodicamente mais, segundo o CIS, tamén é un asunto que non lle interesa a ninguén". A renglón seguido concluíu sinalando que "hai un marco, un concordato [co Vaticano] e un acordo" para deixar a pelota no tellado dos municipios e "que fagan o que consideren oportuno".

A "medida histórica" de fusionar concellos: aprobada a unión de Oza e Cesures

O Consello da Xunta aprobou o decreto que autoriza a fusión dos concellos de Oza e Cesures, ambos os dous gobernados polo PPdG e onde os grupos municipais de BNG e PSdG manifestaron o seu rexeitamento. Por tanto, a unión saíu adiante co apoio dos executivos locais, da deputación da Coruña (presidida por Diego Calvo, do PPdG) e da Xunta de Galiza, tamén en mans do mesmo partido. Malia isto, Feijóo insistíu en salientar que "non foi, en ningún caso, unha decisión partidista". 

O presidente do Goberno galego elevou a medida á categoría de "histórica" e chamou a máis concellos a se fusionaren "voluntariamente" para colocar o País "á cabeza dunha reforma necesaria da administración local" porque, segundo el considera, "o número de municipios en España é excesivo". Sobre a polémica xerada perante a decisión de fusionar Oza e Cesuras sinalou Feijóo que "non facer nada é o único que nunca xera problemas" e remachou: "aquí levabamos 40 anos sen facer nada. Ou ao contrario, facendo segregación de concellos".

Comentarios