Feijóo dilúe a crise demográfica de Galiza “nun problema europeo”

O BNG preguntou ao presidente sobre se o goberno ten algunha política para reverter a sangría demográfica do país, que perdeu 17.000 habitantes en só un ano. “É unha crise demográfica propia dun país devastado pola guerra”, denunciou Jorquera

20120313_Feijóo1
photo_camera 20120313_Feijóo1

A crise demográfica de Galiza centrou unhas das preguntas formuladas ao presidente da Xunta durante a sesión de control no Parlamento galego. Unha cuestión de máxima gravidade, como expuxo Francisco Jorquera (BNG), que condiciona calquera proxecto de futuro para o país. O portavoz parlamentar nacionalista lembrou que no século XIX os galegos eramos o 11,5% da poboación do Estado e que desde entón caemos até a metade desa porcentaxe. Emigración, envellecemento... que xa fan parte do día a día de Galiza. A conformación dun Estado unitario que condena a Galiza a un papel dependente, argumentou, está no xérmolo que explica un factor determinante como é a emigración. Puxo sobre a mesa Jorquera dados como os 17.000 habitantes que perdemos en 2014, ou as 150.000 persoas mozas que marcharon do país nesta década. Perante isto, preguntou Jorquera, que políticas desenvolve ou pensa desenvolver o goberno.

O presidente respondeu disparando por elevación. Afirmou que o problema demográfico galego é un problema que se dá en Europa, citando países como Alemaña e o seu problema de envellecemento da poboación. Parabenizou ironicamente o BNG por, dixo, centrarse en problemas reais, como o demográfico, “que pensaban que eran cousas de dereitas” e negou que en Galiza emigrase tanta xente. “Estamos por baixo da media española”. Despois, expuxo unha ringleira de medidas para facilitar a natalidade, como as bonificacións por nenos menores de 3 anos.

Jorquera replicoulle que os problemas demográficos do país “non se resolven” con simples incentivos e bonificacións, senón cunha aposta no país por empregos e salarios de calidade, entre outras medidas. Emprazou o presidente da Xunta a que asuma que as políticas do PP non foron válidas e instouno a variar para non ser responsábel de “converter os galegos en especie en perigo de extinción”.

O Muro de Berlín

A vice-portavoz de AGE, Yolanda Díaz, preguntou sobre o desemprego en Galiza, botando man dos dados da EPA e lembrándolle a Núñez Feijóo que o noso país é o primeiro territorio do Estado en destrución de empregos: “Máis de 183.000”. Díaz dixo que Galiza é “un país en destrución” por mor das políticas aplicadas polo Partido Popular.

Na súa réplica, Feijóo non recorreu -como é habitual cando responde a Yolanda Díaz- a Andalucía. Desta volta falou do Muro de Berlín e da Alemaña do Este (“coa que vostedes estaban e da que fuxían todos”) ou da revolución bolivariana.

Concellos

De por parte, o portavoz do PSdeG preguntou a Feijóo sobre a política da Xunta para cos concellos, responsabilizando o goberno galego de non facer os deberes neste tema. “Recortaron un 40% o financiamento aos concellos”, dixo Méndez Romeu. “Practican unha política destrutora cos concellos: non financian, non lexislan, non dialogan”.

Comentarios