Feijóo di que a vacina da meninxite B chegará ás farmacias

Asegurouno após o Consello da Xunta e logo, dixo, de conversar co ministro de Sanidade español. Porén, será Madrid quen decida se se incorpora ao calendario de vacinacións do Sergas.

Conchi Paz
photo_camera [Imaxe Conchi Paz / Xunta]

O presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, sinalou após a xuntanza semanal do Consello que a vacina do meningococo B poderá ser adquirida nas farmacias "en poucos meses", embora non concretar cando. 

Feijóo fixo o anuncio logo de se reunir na segunda feira co ministro de Sanidade español, Alfonso Alonso, quen se comprometeu a iniciar os trámites para que a vacina sexa dispensada libremente. Até o de agora esta só era accesíbel para os considerados grupos de risco como persoas sen bazo ou persoal en contacto coa bacteria. 

A decisión estatal, a petición do goberno galego, visa pór fin ao malestar xerado entre as familias. E é que persoas ás que lle fora recomendada polo persoal sanitario ao constituíren, segundo os informes médicos, un grupo de risco tampouco tiñan acceso á vacina o que abocou a moitas familias a mercala en farmacias portuguesas. Eis o caso de Patricia, a nai dun neno con Síndrome de Down que baixou ao país veciño e relatou en conversa con Sermos Galiza a súa experiencia. 

Porén, polo de agora, a vacina non se incorporará ao calendario oficial de vacinacións do Sergas, segundo explicou Feijóo. Unha decisión que depende --de novo-- do goberno español malia as demandas de familias e profesionais da medicina. 

Comentarios